20 de xuño de 2020

O MORRAZO

O SERGAS PROHIBE A UTILIZACIÓN DO MATERIAL DE PROTECCIÓN DOADO POR IAGO ASPAS 

A PESAR DE QUE DISPÓN DAS FICHAS TÉCNICAS DETALLADAS, AMENAZA CON SANCÍONS ECONÓMICAS MENTRES OBRIGA A EMPREGAR MATERIAL DE FABRICACIÓN CASEIRA

Persoal sanitario con protección fronte ao coronavirus no Punto de Atención Continuada de Cangas
Foto: Cedida / O. G.


Infogauda / Cangas do Morrazo / Moañá

 A Dirección de Atención Primaria de Vigo ven de comunicar ao persoal sanitario que non pode empregar o material de protección doado por Iago Aspas por non ter convidado ao acto de presentación aos directivos de Atención Primaria. Os responsables do SERGAS alegan que as características deste material non foi analizado polos servizo de medicina preventiva do Sergas a través da “Central de Doaciones” creada pola Xerencia de Vigo. Sen embargo, o persoal sanitario dos PAC de Cangas-Moaña notificou á súa Xerencia as características do material doado e as fichas técnicas dos produtos con información detallada sobre a certificación e o cumprimento da lexislación en materia de prevención de riscos laborais. “Lamentamos profundamente que unha iniciativa tan fermosa e que tan só pretendía que; o material chegase directamente ao persoal sanitario, tivese a mellor calidade posible e servise para atender á poboación do Morrazo, se ensucie polo egoísmo dos nosos xestores”, afirman as traballadoras. 

 O Xefe de Servizo do Centro de Saúde de Cangas, Benigno Villoch, foi o encargado de transmitir a orde de traballo aos profesionais do PAC que implica sancións económicas no caso de se contaxiar de coronavirus ao perder a condición de baixa laboral por enfermidade profesional. “Non entendemos que no Centro de Saúde de Cangas se estea a empregar material de fabricación caseira sen certificación provinte tamén de doazóns anónimas que non pasaron o control de Preventiva mentres nos estamos ameazados por traballar con material que si está homologado”, explica unha das profesionais do centro sanitario. 

 Os profesionais sanitarios agradeceron enormemente o material de fabricación artesanal recibido sobre todo ao inicio da crise sanitaria, sen embargo non entenden que se lle prohiba empregar agora un material profesional e específico que facilite o seu traballo e redunde nunha mellor asistencia sanitaria aos seus pacientes. Entre outros, poderían dispoñer dunhas gafas e unhas pantallas que non se embafan o que lles permitiría ver con claridade a hora de realizar técnicas que impliquen precisión. “As gafas e pantallas de protección que nos dan non teñen ficha técnica nin homologación. Algunhas están feitas a man con material de papelería e se embafan con tan só miralas. Hai veces que con tanto bafo queres coller unha vía e non distingues un brazo dunha perna. É un horror”, laméntase unha das enfermeiras. 

 As traballadoras do PAC de Cangas-Moaña aseguran que non só lles prohibiron a utilización do material de protección doado por Aspas, se non que chegaron a intentar confiscarllo e que detrás destas ameazas hai un transfondo político. “Todo isto non é máis que unha represalia por non permitir que os directivos se luzan na foto en plena precampaña electoral”, afirma outra das traballadoras. Xunto coas declaracións do persoal do centro médico tamén se aportan fotografías onde se pode ver como nas redes sociais do SERGAS se permite empregar material doado como pantallas ou gorros sen homologación. 

 Outra das cousas que denuncian e que non lles deixen empregar o material de protección doado por Aspas alegando que non seguiu o circuíto de doazóns para a súa revisión, pero si lles permitan empregar os termómetros dixitais que se utilizan para iniciar unha clasificación dos pacientes. “Non se entende que non poidamos empregar unha gafas que nos protexen e nos deixan ver, pero os termómetros si. Non queren que usemos o que non lles convén”, explicaba outra das médicas do centro de saúde. 

 O persoal sanitario continúa á espera, dende hai 3 semanas, de que tanto a Xerencia como o xefe de servizo revise as fichas técnicas recibidas e comunique ao persoal que permite utilización do material doado polo futbolista de Moaña. Mentres tanto. non descartan realizar mobilizacións para que a poboación poida comparar por si mesmas as características do material do que dispón o Sergas para Atención Primaria e as do recibido por medio da doazón. Así mesmo, están a estudar tamén emprender accións legais por poñer en risco a saúde e a vida dos traballadores contra a Xerencia de Atención Primaria de Vigo por medio da representación sindical presente na Xunta de Persoal. 

Tan so o persoal do 061 esta a empregar o material doado

 A diferencia da Xerencia de Atención primaria de Vigo, o 061, a través da súa empresa concesionaria autorizou ao seu persoal sanitario a empregar o material recibido grazas á xenerosidade do deportista. Ao igual que os seus compañeiros do PAC de Cangas- Moaña, o persoal técnico enviou a súa empresa as fichas técnicas do material de protección recibidas onde se pode comprobar que cumpran co recollido na "Resolución de 23 de abril de 2020, de la Secretaría General de Industria, referente a los equipos de protección individual en el contexto de la crisis sanitaria ocasionada por el COVID-19". “É lamentable ver como nos podemos empregar un material escollido por nos mesmos e que nos permite traballar con seguridade e comodidade e ver as compañeiras pasándoo fatal sen poder apenas ver o que fan a través desas gafas cutres que lles facilita o SERGAS”, denuncia un dos técnicos do 061.

Ningún comentario:

Publicar un comentario