A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ENVÓRCASE NO APOIO AO VIVEIRISMO DA PLANTA ORNAMENTAL E DA FLOR CORTADA DO BAIXO MIÑO DURAMENTE CASTIGADO POLA COVID19
· A presidenta provincial, arroupada polas alcaldesas de Tomiño e O Rosal e polo alcalde da Guarda, presentou a campaña que a Deputación realizará con Acubam para poñer en valor e promocionar “un sector vital para esta comarca”.
· As flores do Baixo Miño formarán parte da estética dos actos da Deputación e crearase un selo propio como elemento promocional e garantía de orixe e calidade.
A presidente da Deputación - no centro da imaxe -coas alcaldesas de O Rosal e de Tomiño; o alcalde de A Guarda, membros de ACUBAM e viveiristas de plantas da comarca
Foto: D.PO.
Infogauda / Tomiño
Coas etiquetas #PonteEnFlor e #FloresDoBaixoMiño e lemas como #ConectaCoVerde, #RodéateDeVida e #ViveEnColor, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Cultivos de Baixo Miño, ACUBAM, presentaron onte, na Praza do Seixo de Tomiño, a campaña de promoción que a institución provincial pon en marcha para apoiar ao sector da planta ornamental e flor cortada e, consecuentemente, a todos os concellos onde se produce da comarca do Baixo Miño, que tanto sufriron a crise sanitaria ao coincidir o máis duro da pandemia co momento das ventas e exportacións do sector.
Nun acto cheo de flores e cores, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, acompañada das alcaldesas de Tomiño e do Rosal, Sandra González Álvarez e Ánxela Fernández Callís; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a presidenta de Acubam, Patricia Rodríguez González; e a deputada provincial Ana Mª Mejías Sacaluga, amais de mulleres e homes viveiristas, destacou que “apoiar esta iniciativa é unha obriga para a institución” e engadiu “non hai outra forma de manter o territorio se non é con economía, apoiarvos agora é apoiar o futuro da xente de aquí”. Neste eido, Carmela Silva sinalou que se trata dunha campaña de proximidade, “unha campaña para que merquemos produto local e para que teñamos compromiso individual, temos que comprar plantas e flores e apostar por este sector”.
A presidenta provincial explicou que esta pandemia global foi moi complicada para todo o sector económico, “pero moi particularmente para aqueles sectores como o que representa ACUBAM, o viveirismo. É durísimo facer fronte a unha situación así”. Carmela Silva reclamou por iso ás administracións que teñen competencias “que poñan recursos a disposición deste sector, porque falamos de futuro, de emprego, de actividade económica e dun territorio que despois de moito tempo estaba a coller impulso”.
A presidenta da Deputación tamén tivo unhas palabras para facer un recoñecemento ao papel fundamental das “moitas mulleres que traballan neste sector e no crecemento económico e actividade económica”. Por último, Carmela Silva quixo enviar unha mensaxe optimista a todas e todos os viveiristas do Baixo Miño alí presentes, sector moi afectado pola crise da Covid ao estallar en plena campaña de ventas. “Somos un pobo de xente loitadora, superaremos esta pandemia, e o viveirismo tamén o superará e sairemos reforzadas e reforzados, aínda que non será fácil”.
Pola súa banda, as alcaldesas de Tomiño e do Rosal, o alcalde da Guarda, e a presidenta de Acubam agradeceron e puxeron en valor a gran implicación e compromiso da Deputación e da presidenta “en primeira persoa”. Neste senso, Sandra González destacou “que Carmela Silva estivo pendente en todo momento do sector e dos prexuízos económicos, comprometeuse que ía poñer en marcha esta campaña e hoxe cumpre a súa promesa”. O alcalde da Guarda tamén enxalzou que “a Deputación sempre apoia as iniciativas que temos nesta comarca”. Pola súa parte, Ánxela Fernández coincidiu no “apoio fundamental da Deputación” e lembrou que detrás do viveirismo “hai moitas familias e unha presenza da muller no sector fundamental”, “algo que é moi importante xa que quen afronta as consecuencias da crise adoitan ser as mulleres”. Finalmente, a presidenta de Acubam, Patricia Rodríguez, fixo fincapé en que “é fundamental que as institucións públicas tendan a man a sectores estratéxicos como é o noso para a comarca, e que está a ser duramente castigado nesta pandemia”.
A campaña, que busca impulsar e animar á cidadanía a mercar plantas e flores do Baixo Miño, está centrada en catro accións concretas. En primeiro lugar, crearase o selo “Planta do Baixo Miño” e “Flor do Baixo Miño” como elemento promocional e garantía de orixe e calidade. Amais, con este selo tamén se farán elementos de sinalización para instalar en Garden Centers e floristerías que vendan plantan e flores desta comarca. Por outra banda, realizarase un vídeo promocional de planta e flor do Baixo Miño inspirador, que anime ás persoas a mercar as plantas e flores desta zona da provincia, centrándose na relación entre flores e plantas e a mellora da calidade de vida das persoas. E, por último, levarase a cabo a campaña en Redes Sociais a través de Facebook Ads e Instagram Ads con etiquetas como #ConectaCoVerde e #PlantaDoBaixoMiño, #PonteEnFlor e #FloresDoBaixoMiño, #RodéateDeVida, #ViveEnColor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario