7 de xuño de 2020

GONDOMAR

SEGUE O IEM, QUE NUNCA MARCHOU  


 A Xunta directiva do IEM, a finais desta prolongada corentena, celebrou a súa primeira xuntanza este pasado luns, día primeiro de xuño. Estes meses de reclusión doméstica afectaron a moitas das actividades de difusión cultural programadas no noso Val de Miñor.  

 As Xeiras Alén Miñor polo Ribeiro e polo Deza xa anunciadas para os pasados meses de marzo e maio e a de Celanova e Bande, aínda sen publicar, pensada para este mes de xuño, tiveron todas que ser adiadas. 

 O premio anual de poesía Victoriano Taibo non puido ser convocado e o III Certame escolar de creación dramática, xa resolto, terá que esperar o comezo do próximo curso para a súa entrega de premios. 

 Conferencias, encontros, exposicións, presentacións de libros e actos conmemorativos dos vinte anos do IEM quedaron abortados sen capacidade de reacción, agás a presentación na nosa páxina de internet do último número da Revista de Estudos Miñoráns (REM 19).  

 Hoxe queremos comunicar a todas as persoas copartícipes do IEM a esperanza de continuar axiña coas nosas actividades de estudo, defensa e promoción do noso patrimonio. Nos meses do verán faremos presentacións da primeira entrega da serie “Cadernos de Etnografía” dirixida por Antonio Soliño Troncoso e que leva o título ARQUITECTURA DE INTERMEDIACIÓN NO VAL DE MIÑOR. Cruceiros e petos de ánimas. Igualmente buscaremos a oportunidade para facer unha ou máis presentacións da edición en papel de REM 19, para que os estudos recollidos na revista poidan ter unha cumprida difusión. As xeiras de verán serán anunciadas cando se reúnan as condicións que permitan celebralas sen risco ningún e coas autorizacións pertinentes.  

 Na próxima reunión da Xunta Directiva acordaremos a convocatoria de Asemblea Xeral de Socios/as do IEM na que esperamos a maior asistencia e participación. Organizarnos e traballar arreo cómprenos máis ca nunca nestes momentos en que as forzas do capital e o Goberno galego queren aproveitar a situación de alarma para converter o noso patrimonio natural dos montes da Groba e do Galiñeiro en zona contaminada pola industria dos parques eólicos. É un obxectivo actual do IEM e de doutras asociacións galegas que a poboación miñorá poida distinguir con claridade a necesidade dunha enerxía limpa e non confundila cunha explotación industrial da nosa riqueza natural para exportar enerxía eléctrica e mentres quedar aquí zonas do rural cun servizo deficiente como denuncia o vídeo “A dúas velas” (1).  

 Moitas foron as ocasións perdidas neste estado de alerta, pero grande foi a lección recibida: o público é o único camiño que nos pode salvar. No IEM esperamos poder vernos e xuntarnos arredor desta idea que organice a nosa convivencia no Val de Miñor.  


Val de Miñor 3 de xuño 2020 

A DIRECCION DO IEM

Ningún comentario:

Publicar un comentario