A fundación chinesa que visitou Pontevedra para coñecer o Revitaliza envía á Deputación de Pontevedra unha doazón de máscaras, pantallas e traxes de protección
A presidenta e o vicepresidente agradeceron a preocupación e esforzo por colaborar que a Vanke Foundation amosou desde a chegada da pandemia a Pontevedra
A presidenta, Carmela Silva Rego - no centro da imaxe -, e o vicepresidente, César Mosquera Lorenzo, xunto
coa técnica do Revitaliza, María Martínez Abraldes, foron os encargados
de recepcionar o envío
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Vanke Foundation, entidade chinesa que visitou Pontevedra en
outubro do ano pasado para coñecer ‘in situ' o funcionamento do Plan
Revitaliza, acaba de enviar á Deputación de Pontevedra unha doazón de
material de protección fronte ao coronavirus que chegou hoxe ao Pazo
provincial. A doazón –formada por 2.800 máscaras de protección KN95,
2.000 pantallas faciais, así como 90 traxes de protección médica– foi
enviada desde China ata Madrid e entregada na cidade do Lérez por unha
empresa de mensaxería.
En todas as caixas dos dous palés de
material recibido figuraba unha lenda coas bandeiras chinesa e española,
xunto co texto en español: "Esperamos que estas prendas y máscaras protectoras ayuden
a súa región en la grave situación del Covid-19 en este momento. (El amigo debe
ser como la sangre, que acude luego a la herida sin esperar a que la llamen)".
A presidenta, Carmela Silva Rego, e o vicepresidente, César Mosquera Lorenzo, xunto
coa técnica do Revitaliza, María Martínez Abraldes, foron os encargados
de recepcionar o envío, que pasará a ser xestionado polo departamento de
Riscos Laborais da institución provincial. Tanto a presidenta como o
vicepresidente manifestaron o seu agradecemento máximo pola preocupación
e o esforzo por colaborar amosado desde a Vanke Foundation desde o
momento no que a pandemia chegou a Pontevedra, así como o afectuoso
escrito das caixas.
O vicepresidente, Mosquera, explicou que o
contacto entre China e Pontevedra foi continuo –case diario e moi
afectuoso– desde o primeiro correo electrónico remitido pola secretaria
xeral da entidade, Yimei Chen, o pasado 17 de marzo, pouco despois de
declararse o estado de alarma. Entón, Chen escribía no seu correo:
"Sentimos para ouvir que a Covid-19 está golpeando España agora tamén. A
nosa visita a Pontevedra estivo chea de memorias marabillosas.
Esperamos que vostedes, as súas familias e a súa comunidade estean
seguras e sans. En nome da Vanke Fundación e os seus delegados,
gustaríanos facerlles chegar que vostedes están nos nosos pensamentos e
oracións. As consideracións máis amábeis".
A raíz desa misiva
inicial xurdiu o ofrecemento de material de protección como mostra do bo
entendemento e da relación cordial entre a institución provincial e a
fundación, que finalmente se puido materializar logo de diversas
dificultades coas autorizacións e o envío.
A Vanke Foundation
enviara a Pontevedra no mes de outubro á súa secretaria xeral, Yimei
Chen, así como o outro persoal técnico, xunto a representantes oficiais
do goberno chinés, unha representante da Universidade de Nanjing, tres
de ONG, unha dunha empresa privada, e dúas de consultoras independentes.
Todas elas participaban nunha xira por Europa para estudar os modelos
máis punteiros do vello continente en canto a xestión local
descentralizada mediante tratamentos biolóxicos e tamén sobre recollidas
selectivas de biorresiduos en orixe. A parte relativa aos tratamentos
locais descentralizados tivo o estudo do Revitaliza da Deputación de
Pontevedra como eixe central.
Logo de coñecer o modelo
pontevedrés de compostaxe, a propia Chen afirmaba que "cando volvamos á
China teremos que adaptar o que temos aprendido aquí ás nosas propias
circunstancias e contexto. Agardamos ver polo menos a parte dos que
estades aquí algún día alí para que comprobedes como estamos a facer".
Ningún comentario:
Publicar un comentario