Os grupos de acción local do sector pesqueiro galegos
lideran a presentación de proxectos e a execución orzamentaria no
conxunto do Estado
Galicia
constata o seu liderado en España nas estratexias de desenvolvemento
local participativo durante unha reunión telemática que mantivo xunto ao
Goberno central coa Comisión Europea e a Rede Europea de Zonas de Pesca
A comunidade galega aprobou uns 400
proxectos desde 2016 para promover o desenvolvemento das zonas costeiras
cun investimento público de máis de 25 millóns de euros
A Xunta de Galicia salienta a campaña de promoción de produtos do mar ‘Queda na casa, queda co noso mar’, promovida polos GALP galegos, como un exemplo de boas prácticas destas entidades locais durante a alerta sanitaria polo coronavirus para facer fronte ás súas consecuencias económicas
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia salienta a campaña de promoción de produtos do mar ‘Queda na casa, queda co noso mar’, promovida polos GALP galegos, como un exemplo de boas prácticas destas entidades locais durante a alerta sanitaria polo coronavirus para facer fronte ás súas consecuencias económicas
Infogauda / Galicia
A directora xeral de Desenvolvemento
Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou esta semana nunha reunión
telemática trilateral coa Comisión Europea, a unidade de apoio da Rede
Europea de Zonas de Pesca (Farnet) e o Goberno central xunto ás
comunidades autónomas para analizar o labor desenvolvido nos últimos
meses polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco
das súas estratexias de desenvolvemento local participativo. Nese
encontro a representante da Consellería do Mar constatou que Galicia
concentra arredor da metade dos proxectos aprobados, uns 400, e da
execución orzamentaria realizada no conxunto do Estado ao abeiro dos
GALP con máis de 25 millóns de euros investidos desde 2016.
Este
tipo de xuntanzas, que a Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca
(DG Mare) e os responsables de Farnet manteñen con cada un dos estados
membros que contan con estratexias para impulsar o desenvolvemento das
zonas costeiras, serve para expoñer o labor realizado ata ese momento e
para informar das actuacións previstas de cara ao futuro. Neste sentido,
a representante do Executivo galego comprobou que Galicia é a
comunidade española con máis proxectos aprobados, desenvolvidos e con
maior nivel de execución orzamentaria, que se sitúa no 60%.
O
encontro tamén serviu para analizar a incidencia da alerta sanitaria
polo coronavirus no desenvolvemento dos proxectos dos GALP e as medidas
adoptadas para facer fronte a esa situación. Neste sentido, Susana
Rodríguez trasladou que a comunidade galega inxectou máis de cinco
millóns de euros de liquidez aos GALP desde o pasado 15 de marzo
mediante o pago de axudas vencelladas a distintas iniciativas e que
tamén aprobou nos últimos meses tres proxectos de cooperación entre
distintos GALP da comunidade.
En canto ás actuacións para facer
fronte ás consecuencias da crise económica derivada da covid-19, a
representante do Executivo galego salientou a campaña de promoción de
consumo dos produtos do mar Queda na casa, queda co noso mar, promovida
de xeito conxunto polos oito GALP de Galicia. Esta iniciativa tiña como
obxectivo animar á sociedade a consumir produtos pesqueiros para
agradecer ao sector o seu labor durante o confinamento como esencial
para subministrar alimentos de calidade á cidadanía. Trátase dunha
campaña única a nivel nacional pois houbo experiencias semellantes
noutras comunidades, pero non desa magnitude nin que supuxese a
cooperación de tantos GALP.
Por iso, a directora xeral de
Desenvolvemento Pesqueiro destacou a importancia que ten o labor dos
grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento
económico e social de Galicia e para afrontar situacións complicadas
como a derivada da alerta sanitaria polo coronavirus. Nese sentido,
asegurou que os GALP galegos seguen a traballar para levar a cabo os
seus proxectos e favorecer a expansión económica da súa contorna.
Os GALP e Farnet
Os
grupos de acción local do sector pesqueiro son asociacións sen ánimo de
lucro compostas por entidades que representan os intereses
socioeconómicos locais públicos e privados dentro da súa zona de
influencia. Así, actualmente Galicia conta con oito grupos: Golfo
Ártabro Norte, A Mariña Ortegal, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría de
Muros e Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra, Ría de Vigo-A Guarda e
Golfo Ártabro-Sur.
Mentres, a Rede Europea de Zonas de Pesca
(Farnet) é un organismo da Comisión Europea para asesorar na
implantación das medidas europeas para o desenvolvemento sustentable das
zonas de pesca, dentro do marco do eixo 4. A entidade celebra cada ano
unha reunión das autoridades de xestión deste eixo do FEMP co obxecto de
apoialas na súa posta en marcha a través dos GALP e intercambiar
experiencias, entre outras cuestións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario