14 de xuño de 2020

EMPREGO

A Xunta de Galicia reabrirá ao público o vindeiro 1 de xullo as 54 oficinas de emprego de Galicia

O horario de atención presencial será o habitual, de 9:00 a 14:00 horas, e terá que solicitarse a través de cita previa

        Foto: X.G.


A renovación automática da demanda estenderase ata o vindeiro 30 de setembro para evitar desprazamentos innecesarios

A Administración autonómica investiu preto dun millón de euros na adaptación da rede de oficinas seguindo as recomendacións específicas elaboradas polo Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga)

Seguiranse fomentando os servizos non presenciais e desenvolverase un programa específico de titorización dixital 

Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia reabrirá ao público o vindeiro 1 de xullo as 54 oficinas de emprego da Comunidade tras o seu peche motivado pola crise sanitaria da covid-19.

 Para garantir unha apertura en plenas condicións de seguridade, a Administración autonómica elaborou, a través do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga), unha guía de recomendacións fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, o que serviu de base para o desenvolvemento dun plan de continxencia para a reapertura que supón un investimento de preto dun millón de euros na adaptación da rede de oficinas de emprego da Comunidade Autónoma.

 Así, co obxectivo de garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía, a atención presencial será no horario habitual de 9:00 a 14:00 horas e realizarase exclusivamente a través do sistema de cita previa. As citas poderán solicitarse a partir da última semana de xuño por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia (emprego.xunta.gal) ou do servizo de atención telefónica 012. Ademais, a renovación automática da demanda estenderase ata o vindeiro 30 de setembro, deste xeito evitaranse desprazamentos innecesarios das persoas demandantes de emprego.

 Emprego Galicia seguirá a fomentar e ampliar os seus servizos non presencias, a través do Portal de Emprego e a aplicación Mobem, entre os que destacan a obtención de informes asinados dixitalmente sobre a demanda de emprego, a solicitude de servizos, cursos de formación e adscrición a ofertas de emprego, ou a posta en marcha dunha nova oficina virtual para empresas.

 Ademais, co obxectivo de facilitar á cidadanía a realización destes trámites, desenvolverase polo persoal de orientación un programa específico de titorización dixital para persoas demandantes, así como unha campaña de vídeos informativos sobre as ferramentas e servizos telemáticos.

 Ata esta data e desde o comezo do estado de alarma, o persoal das oficinas de emprego continuou traballando para as persoas e as empresas galegas, atendendo unha media de 2400 chamadas diarias, realizando máis de 150.000 trámites para as persoas demandantes ou xestionando, mesmo na fase máis crítica da emerxencia sanitaria, case 1200 ofertas de emprego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario