7 de xuño de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia renova o apoio á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para atender as urxencias derivadas da covid-19 nos campamentos de refuxiados  

O acordo con SOGASP permitirá subministrar aos campos de refuxiados saharauís alimentos que escasean a causa da emerxencia sanitaria derivada do coronavirus 

No IV Plan Director da Cooperación Galega 2018- 2021 identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación

A Xunta de Galicia vén de asinar o convenio de colaboración con SOGASP (Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí)
Foto: X.G.

Infogauda / Galicia
  A Xunta de Galicia vén de asinar o convenio de colaboración con SOGASP (Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), destinado a accións de carácter humanitario, tal e como recolle o IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021. Nesta ocasión, o acordo reorientouse para dar resposta ás necesidades máis urxentes da poboación saharauí en relación á emerxencia sanitaria declarada pola pandemia do coronavirus, que afecta a nivel global.

 Desta forma, o convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta e SOGAPS destinarase á realización do proxecto “Urxencia alimentaria nos campamentos de refuxiados saharauís a causa da Covid-19”, co obxecto de contribuír á mellora das condicións de vida da poboación refuxiada saharauí a través do subministro de alimentos que escasean debido á situación derivada da crise sanitaria. Este convenio conta cun orzamento de 100.000 euros.

 A través deste acordo, a Xunta, renova a colaboración coa SOGAPS, organización que desde hai anos ven contribuíndo á provisión de alimentos de primeira necesidade e de axuda sanitaria aos campamentos de refuxiados. Desta forma dáse cumprimento ao Plan Anual 2020 que recolle, entre os seus compromisos, a continuidade do apoio outorgado á poboación saharauí, sendo esta unha constante na planificación da Cooperación Galega.

 No IV Plan Director da Cooperación Galega 2018- 2021 identifícase a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, sendo importante destacar que a poboación saharauí figura como prioritaria para a atención da Cooperación Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario