12 de xuño de 2020

CULTURA

A Xunta de Galicia e o Museo do Pobo Galego asinan un convenio para deseñar a museografía que se estreará tras a ampliación  

Román Rodríguez e Justo Beramendi renovaron o acordo anual entre ambas institucións, que nesta ocasión inclúe unha partida adicional de 200.000 euros


O conselleiro de Cultura e Turismo, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, asinaron hoxe o habitual convenio de colaboración anual entre a Xunta de Galicia e esta institución
Fotos: X.G.

O conselleiro e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, interesáronse pola afectación da covid-19 nas obras que desenvolve o Consorcio de Santiago 

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, asinaron hoxe o habitual convenio de colaboración anual entre a Xunta de Galicia e esta institución, que nesta ocasión se reforza cunha partida adicional de 200.000 euros para iniciar o deseño da museografía que se estreará tras a ampliación do museo, un proxecto que desenvolve o Consorcio de Santiago por colaboración de varias administracións, entre elas o Concello de Santiago, representado no encontro polo seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez - a dereita da imaxe -, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi no acto de sinatura do convenio anual


 O acordo, que supera os 500.000 euros, contribúe ao financiamento de parte dos gastos do museo e impulsa actividades culturais que se desenvolven neste inmoble, un espazo cargado de forte simbolismo e un emblema para Galicia e a cidade de Compostela.

 A nova museografía, segundo contempla o proxecto xa presentado o pasado ano, desenvolverase na ala sur do museo. Esta é a primeira achega para a súa contratación, cunha dotación de 800.000 euros dos que o reparto previsto establece que o Goberno autonómico consigne o 50% en dúas anualidades. Román Rodríguez explicou que é un proxecto no que, a través do Consorcio de Santiago, varias administracións poñen en valor “unha cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia”.

 O conselleiro e o rexedor interesáronse por como afectou a crise sanitaria do coronavirus ás obras de ampliación que están actualmente en marcha. Tal e como comprobaron, o prazo de finalización veuse lixeiramente afectado polo estado de alarma e, mentres que a previsión inicial era que a actuación rematase no mes de setembro, agora, debido o parón provocado pola covid-19, estímase que as obras finalicen en outubro deste mesmo ano.

 A empresa adxudicataria continúa intervindo nas fachadas do edificio, renovando as cubertas e construíndo unha nova escaleira para unir todas as plantas do edificio. No marco desta intervención tamén se mellorará o illamento térmico do inmoble, renovarase a rede de subministros, substituirase a estrutura do chan e instalarase un novo ascensor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario