1 de xuño de 2020

A GUARDA

Para desenvolver un oficio milenario

OS TEITADORES VOLTAN A TRABALLAR A CIDADE PREHISTÓRICA DO MONTE SANTA TREGA


Manuel Monteserín Santín, ao carón dunha das vivendas castrexas do xacemento do Monte Santa Trega



Miguel Reboredo Otero (entrevista e fotografías) e Ricardo Rodríguez Vicente (documentación e redacción) / A Guarda



 Os teitadores voltaron de novo ao megapoboado castrexo do Monte Santa Trega, no termo municipal de A Guarda. Como profesionais itinerantes, viñeron para desenvolver seu labor ancestral e teitar dúas das vivendas do castro máis visitado da antiga Gallaecia. A mítica cidade prehistórica que domina a Ostium Minii (Porta do río Miño, e a cobizada Carda, Cauda, Gauda,... (algúns dos antigos topónimos de A Guarda), en cuxas graníticas rochas está insculturada súa historia milenaria, que comezou cos primeiros poboadores deste enclave de altura.

 Os teitadores, Manuel Monteserín Santín, e seu axudante Guillermo, viñeron desde Balboa - un dos concellos onde ainda se fala galego -, na comarca leonesa do Bierzo, a tiro de pedra de Pedrafita do Cebreiro (Lugo).


Detalle da estrutura ou "cango" dunha vivenda castrexa do Trega


 Como teitador, Manuel Monteserín - que forma parte da Red Nacional de Maestros de la Construcción Tradicional - realiza cubertas vexetais (teitos de colmo) de palla escollida de centeo, coas técnicas ancestrais do macizo galaico, as cales se conservaron en zonas illadas do Bierzo e Cervantes. Son, de feito, as cubertas típicas das pallozas, casas de estrutura de pedra e madeira, con cuberta de palla. 

 Ademais de cubertas vexetais, Manuel constrúe tamén estruturas en madeira para cubertas vexetais ou de lousa, así como mobiliario de madeira: mesas, mostradores, bancos, etc. Realiza así mesmo hórreos, tanto a súa montaxe como a súa restauración. 







Vista parcial do traballo desenvolvido polo teitador Manuel Monteserín Santín unha vivenda castrexa do Monte Santa Trega



 Manuel realizou numerosas recreacións arqueolóxicas: Castro do Monte Santa Trega (A Guarda), Monte O Castro (Vigo), Ribeira, Poboado da Prehistoria (Campolameiro),… 

 Formouse con varios mestres teitadores (Dositeo de Cantejeira, Ramón de Campo del Agua e Manolo de Chan de Villar), aínda que tamén foi fundamental para a súa aprendizaxe o compartir experiencias cos teitadores de Piornedo. 

 No traballo en madeira é autodidacta. 

 Entre seus traballos máis destacados podemos salientar súa intervención en dúas vivendas do Castro do Monte Santa Trega, Castro de Vigo, Poboado da Prehistoria de Campolameiro, Hórreo museo de Grandas de Salime, Recreación arqueolóxica de Ribeira e A Palloza de Chis, en Balboa.

  Provisto de mollos de centeo e brincallos - cordas de centeo trenzadas que terman do teito - Manuel Monteserín está no Monte Santa Trega (A Guarda), desenvolvendo seu oficio de teitador. Porén, seu traballo - ou o dos seus fornecedores - xa comezou moito antes. O centeo, como todo o mundo sabe, non se fabrica. Hai que sementalo, cultivalo, segalo a man - a máquina estraga a palla - e logo escolmalo e mallalo, ainda que algúns teitadores mercan os mollos xa feitos en Astorga.

  Para teitar é preciso unha navalla, unha paleta de freixo e un "carro" que fai que o colmo (palla de centeo) se arrexunte sobre o "cango", a estructura que o soporta. Esas ferramentas e as hábiles mans do teitador son as que finalmente coroarán os teitos de colmo das vivendas castrexas, tal e como se facía na Idade do Ferro.



O teitador traballando na cuberta de colmado dunha vivenda castrexa. Ao fondo o río Miño


 E para coñecer algo máis deste oficio, Miguel Reboredo, mantivo a pé de obra, con Manuel Monteserín, a seguinte entrevista:

 Cánto tempo leva nisto?

 - Levo toda á vida. De rapaz xa fixen algo, e logo a raíz dalgunhas reconstruccións de hórreos e de casas, que se van deteriorando, alí nos Ancares, estiven traballando con algún profesional, xente maior, que por desgraza xa non están connosco. Uns mestres, que me ensinaron ás técnicas antigas, moi diferentes as de hoxendía, que adoitan empregar en Holanda,... Pero isto é outro sistema. Un xeito de colocala [á palla de centeo ] moi primitivo, pero a súa vez moi resistente para o vento. Que é o problema que hai nos Ancares, cando chegan os temporais. Teñen que estar moi ben preparados [os teitos] para soportalos. Como acontece eiquí.  Xa ves que estes levan varios anos.

 Si aguantan,... 

 - Estes xa teñen uns 10 anos e ademáis viñeron fortes temporais, e xa ves que resistiron,...

 De onde é vostede Manuel?

  - Eu son de Balboa, nos Ancares. Na provincia de León, pero Galicia está a un quilómetro do meu pobo. Nós temos casa en Galicia e temos casa tamén en Balboa. Soio hai un quilómetro dunha vivenda á outra. Miña nai é de Cervantes. Balboa é de León, e Cervantes é de Galicia. Non estamos en dúas provincias. Son dous concellos con moita relación. Estamos unidos: os amigos, as festas, matrimonios,... Todo é na mesma zona.

 Ten un bar en Balboa,...

- Sí. Aparte de traballar na palla, que é o meu, así como en construccións de pedra e de madeira de casteiro, teño un bar en Balboa, nunha palloza que era dos meus antepasados. Chámase A Palloza de Chís, e está adicada a hostalería. Facemos concertos musicais. Van moitos músicos de Galicia: Bandas de gaitas, grupos de música celta, como Luar na Lubre,...

 Vde. xa estivera no Monte Santa Trega en 2008,...

 - Sí. Traballei naquela vivenda - sinala coa man dereita a que restaurara a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla -,... A primeira vez que viñera a Galicia foi a Boiro. Fixeron unha área de interpretación [Centro Arqueolóxico de O Barbanza (CAB)] ao carón do castro, e fíxose un símil de como vivían [os castrexos] dentro desa área. Ese foi o primeiro traballo que fixen para os arqueólogos eiquí en Galicia.

 E despois vin ata á Guarda, e a Vigo, a traballar no Monte do Castro,..., e algún traballo máis en Galicia. Pero sobor de todo traballo nos Ancares, reconstruíndo hórreos antigos, onde á xente ainda garda a matanza dos porcos (os xamóns). Porque os hórreos, cos teitos de palla, manteñen a transpiración [circulación do aire] e os xamóns cúranse fenomenalmente. Os touciños non se poñen amarelos [con rancio]. Podes meter unhas ristras de cebolas, que non se grelan,...O millo métese nunha arca, que non se estraga dentro do hórreo. Non poden subir os ratos, porque teñen unhas características [constructivas] que o impiden,... Entón a xente que ten hórreos nas casas dos pobos, téñenlles moita estima. E preocupánse de que non se veñan abaixo porque lles fai un servizo para gardar toda á comida do ano. Por iso, cada vez que se deterioran, chámanme. A algúns amigos funlles, prácticamente de balde, soio para facerlles o favor, porque as veces non hai diñeiro para estas cousas,... Entendes?. E a min góstame moito. E amólame velos caídos. Por iso preocúpome de decirlles que eu llos arranxo. E se hai que ir varios días ou unha semana para tapar algo, voulles pola comida e por pasar un pouco de tempo con esa xente.

 Estando Vde. eiquí, quen atende o seu bar?

 - O bar agora mesmo está pechado. Pero eu no bar teño camareiros. Prácticamente eu non estou no bar. Organizo os eventos e festas, pero prácticamente non estou ao público.

 Cómo é súa palloza?

 - É igual que unha que está en Piornedo. Tén uns 400 metros cadrados. Ten súa estructura como as pallozas antigas.

 Eiquí no Trega vai teitar as dúas vivendas?

 - Sí. Cando remate esta [na que está traballando sen deterse nin un momento, no decurso da entrevista], comezarei coa outra. E logo teño que ir - que agora veño de Cantabria, do Poblado Cántabro, en Cabezón de la Sal -; onde estiven ata o período de confinamento. Teño que voltar novamente. Pero como me pediron que viñera para eiquí, con moita présa, unha vez remate volto a Cantabria. Xa chamei ao alcalde de alí, decíndolle o problema que había e que me agarde. Alí teño outras dúas estructuras grandes que facer.

 Que edade ten Manuel?

 -  Eu teño agora 55 anos.

 Pero a verdade é que isto cansa?

 - Sí. É un traballo de moita paciencia. E hai que terlle agarimo, porque non se ve o resultado [de inmediato]. Faise un metro e pico cada día, e senón non che sai ben, pode entrarlle á auga. Eiquí non vale a présa.

 Eiquí o maior problema son os corvos, que aniñan...

 -  Noutra ocasión viu unha palla con moito grán, cando se fixo daquela vez con présa. O xefe que tiña eu dunha contrata, meteu présa,...

 A verdade é que é unha conversa que me gusta...

 -  Quero animar á xente que visite Os Ancares, que coñeza Balboa, que é unha zona moi bonita e alí todos os galegos son moi ben recibidos. Xa o di o topónimo: Bal boa.  

 É un nome galego.

 E a cubrición das vivendas do Castro de Vigo tamén as fixo Vde.?

 - Sí, sí. Fíxennas eu.

Xa me parecían que eran do mesmo perfil... 

 - Estiven este ano [2019], arranxando á cúpula, porque estaban un pouco deterioradas, e a raíz de que ia vir á xente a ver as luces [do Nadal], chamoume o alcalde,...

 Que tal o alcalde?


 - Moi boa persoa. Preocúpase moito. Está sempre ao pe do canón das cousas. Podía mandar a alguén e con todo ocúpase el. É unha persoa moi agradable.

 Eiquí na Guarda tamén se preocupan bastante.

 Esa foi a breve entrevista, duns 10 minutos de duración, que Miguel Reboredo mantivo con Manuel Monteserín Santín, uns dos últimos teitadores que co seu oficio totalmente artesanal logran enlazar a remota Prehistoria co século XXI, en plena era da tecnoloxía máis avanzada. E ao mesmo tempo amósanos un oficio que grazas a el, continúa como unha reliquia etnográfica viva da nosa epopeia castrexa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario