2 de xuño de 2020

ECONOMÍA

Máis do 30% da poboación activa galega continúa en situación de desemprego

O número de persoas paradas e en ERTE supera as 400.000

Infogauda / Galiza

 A pesar do lixeiro descenso do paro rexistrado no mes de maio en Galiza (547 persoas) como consecuencia do leve aumento da actividade no sector da construción na provincia de Pontevedra, máis do 30% da poboación activa galega está no desemprego. En total, son 401.207 as persoas que se atopan no paro ou afectadas por un ERTE, o que significa que un de cada tres galegos/as en idade de traballar non o está a facer. Eses son os datos que vén de facilitar a CIG.

 De acordo coa devandita central sindical,
o número de persoas inscritas como desempregadas no mes de maio en Galiza acadou as 191.082, un total de 547 menos (-0.29%) que en abril. Nestas cifras non están incluídas as persoas afectadas por un ERTE, que segundo os últimos datos alcanzan as 210.125 no noso país. Se sumamos ambos datos, o número de persoas sen emprego nestes intres acada as 401.207, máis do 30% da poboación activa.

 
O paro aumentou un 18,83% no que vai de ano. E dende o inicio da pandemia o número de persoas paradas aumentou en 24.853, ao que hai que sumar as ducias de miles en ERTE. Fronte a esta dramática situación, a CIG incide na necesidade de aplicar un plan de emprego en Galiza baseado na demolición da reforma laboral, no investimento público e na participación pública no tecido industrial.

 Segundo sostén o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, o actual contexto fai que sexa moi urxente atopar solucións eficaces para a industria galega e demais sectores produtivos.
Hai que apostar pola creación de emprego digno con salarios decentes e evitar que a factura da crise sanitaria a paguemos os traballadores/as”.
 
 Neste senso, critica a pasividade amosada pola Xunta no que ten que ver coa crise que afecta o sector industrial galego, ao tempo que denuncia a insuficiente resposta do Goberno central para paliar os efectos sociolaborais da pandemia. “É necesario - engadiu - que a cobertura social inclúa un Salario de Inserción Laboral e Social para maiores de 18 anos, e subir o SMI até o 60% do salario medio como di a Carta Social Europea; e as prestacións deben calcularse en base ao SMI e non ao IPREM”.

 Cartelle cualifica de “pouco ambiciosa” a resposta do Goberno central e censura que
os 3.000 millóns de euros do seu plan para as persoas vulnerábeis contrasten cos 60.000 millóns destinados a rescatar os bancos, cos 18.000 que se gastan en Defensa, cos 11.000 que recibe a Igrexa católica ou cos 11.000 cos que se rescataron as autoestradas.
 
Pontevedra, a provincia con máis ERTE
 
 Os datos amosan que a provincia galega con máis ERTE é a de Pontevedra, na que se rexistran o 41% do total; séguelle A Coruña co 32%.             
 












Persoas paradas por provincias

 Entre as persoas paradas, fóra dos ERTE, no mes de maio reduciuse o número en 547 persoas en Galiza, descenso centrado fundamentalmente na provincia de Pontevedra, cunha lixeira caída na Coruña.
 

Persoas paradas por sectores

 
 Foi fundamentalmente a Construción, e levemente a industria, a que permitiu este descenso do desemprego, xa que neste sector descendeu en 762 persoas; na industria tamén se produciu un leve descenso, 106 persoas. Continúa o medre do desemprego no sector servizos.


 
Afiliación media mensual á Seguridade Social
 
 A afiliación á Seguridade Social tamén tivo un comportamento positivo ao rexistrárense 1.603 afiliaciónS novas, practicamente todas elas na provincia de Pontevedra. Con todo, dende o mes de febreiro a afiliación caeu en 35.980 persoas.
 
Afiliación á SS



Persoas paradas por sexo


 No último mes descendeu o paro entre os homes, pero entre as mulleres continúa aumentando fortemente.

 No que atinxe á contratación, tamén se aprecia un leve incremento, sendo 30.873 os contratos rexistrados no mes de maio (23.874 en abril).


Prestacións por desemprego
 
 A novidade está nos perceptores de prestacións por desemprego. No mes de abril (último dato), o número de persoas aumentou en 141.016, polo que se supón que xa se incluíron parte das persoas afectadas por un ERTE; mais non todas, xa que no mes de abril eran 200.494 as afectadas. Faltarían en torno a 50.000 afectadas que continuaban sen cobrar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario