A Corporación provincial revalida a súa vocación de consenso e aproba todos os puntos do Pleno por unanimidade
A presidenta, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, e o portavoz do PP, Jorge Cubela, reafirman o seu compromiso "de seguir no camiño dos acordos" e poñen á Deputación de Pontevedra como exemplo ante outras administracións
A imaxe corresponde a sesión plenaria da Deputación de Pontevedra, celebrada de xeito presencial e telemático
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Corporación provincial da Deputación de Pontevedra volveu a dar
exemplo este venres de concordia, vocación de consenso e capacidade para
chegar a acordos, votando por unanimidade todos os puntos da orde do
día. A presidenta, Carmela Silva, mostrou o seu orgullo "porque estamos
sendo un exemplo e espero que outras administracións miren cara a esta
Deputación para aprender de como hai que facer fronte a situacións tan
complicadas". Silva manifestou novamente o seu recoñecemento á
oposición, "e especialmente ao seu portavoz, Jorge Cubela, que soubo
estar á altura das circunstancias, e tamén a este Goberno que tivo a
intelixencia de sumar. É o modelo. Se temos a capacidade de continuar
neste modelo de relación, dixo a presidenta provincial, significará que a
xente poderá dicir que as políticas e os políticos estamos aquí para
defender sos seus intereses".
Tamén César Mosquera valorou
positivamente a concordia lograda. "Este consenso foi un paso para
funcionar mellor e agardo que sexa un paso para funcionar moito mellor
porque do barullo político non sae nada. A base está asentada. Hai unha
boa base para poder traballar e sacar cousas adiante dunha maneira
positiva". Pola súa banda Jorge Cubela destacou tamén o "traballo
conxunto" e desexou que "o grupo de goberno e o PP sigan chegando á
acordos. Segue a nosa man tendida, dixo, e ogallá podamos axudar a facer
máis fácil a vida da provincia e máis doada a vida aos nosos
concellos". "Isto é unha demostración ao resto de administracións e
institucións públicas galegas e estatais; cando os seus representantes
se sentan ás mesas a dialogar se poden conseguir acordos e chegar a
pactos. E este grupo sabe facelo".
O Pleno, que gardou un minuto
de silencio polas vítimas da Covid-19, aprobou hoxe co consenso de
todos os grupos a modificación das bases do Plan Concellos 2020 que ten
como obxectivo facilitar aos municipios da provincia a dotación de
recursos para facer fronte ás consecuencias da pandemia do Covid-19.
Trátase dunha nova medida, xa anunciada aos alcaldes e alcaldesas da
provincia pola presidenta, Carmela Silva, no marco da ampla lista de
acordos excepcionais que a institución provincial está a promover para
apoiar aos concellos na saída da crise sanitaria. O acordo supón o
axuste das bases reguladoras coa introdución dunha disposición
transitoria que flexibiliza os límites da distribución do crédito entre
as distintas liñas subvencionables e permite acomodar os prazos de
presentación de solicitudes á nova realidade na que, de xeito
extraordinario, os concellos se ven obrigados a redefinir os seus
investimentos.
Así, coa modificación aprobada polo Pleno, os
concellos da provincia poderán destinar ata un máximo dun 30 % do
importe que teñen asignado para a liña 1 de Investimentos, tendo en
conta as compensacións de débeda efectuadas, a incrementar o importe das
liñas 2 (amortizacións e pagamento de débedas e gastos correntes) e/ou 3
(emprego). Ademais, no caso da liña 3, tamén se permitirá que en caso
de que os concellos recibiran unha subvención inferior ao importe
asignado inicialmente poidan incrementala ata ese importe, previa
tramitación do expediente correspondente. Esta modificación leva
engadida a ampliación dos prazos, que se reabrirán unha vez finalizado o
estado de alarma polo tempo restante desde a suspensión mais quince
días naturais adicionais.
Comisión Técnica de Asistencia Municipal
O Pleno coñeceu a posta en marcha dos traballos da Comisión Técnica de
Asistencia Municipal, que xa se reuniu esta semana e comezou a recibir
propostas que, segundo confirmou Carmela Silva, serán estudiadas tamén
coa participación da oposición. O espazo web que se había anunciado na
constitución da Comisión, xa está tamén en funcionamento.

Ningún comentario:
Publicar un comentario