Unanimidade dos grupos da corporación provincial na constitución da Comisión Técnica que asesorará aos concellos no Plan de Acción Local fronte ao COVID-19
Os tres portavoces asinaron hoxe a constitución do novo órgano que prestará asesoramento aos municipios ante todas as circunstancias derivadas da crise sanitaria
Carmela Silva presidiu no día de hoxe unha nova sesión do Comité de Seguimento do
COVID-19
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou hoxe o consenso
acadado entre todos os grupos con representación na corporación
provincial para a posta en marcha da Comisión Técnica para a Asistencia
Municipal, cuxa acta de constitución asinaron hoxe por unanimidade os
portavoces do PSdeG-PSOE, Carlos López Font; do BNG, César Mosquera, e
do PP, Jorge Cubela, durante a sesión do Comité de Seguimento do
COVID-19. Como subliñou Silva, este órgano, no que participan sete
funcionarias e sete funcionarios de alto rango da institución, "non é
unha comisión exclusivamente do Goberno da Deputación, senón un acordo
de toda a corporación provincial".
Esta comisión, como lembrou a
presidenta, ten como obxectivo a elaboración dun Plan de Acción Local
de Loita contra o COVID-19 e con tal fin redactará un documento que "se
converterá nun gran pacto local" e que recollerá todas as medidas e
estratexias que se realizarán en cada un dos ámbitos de competencia
municipal que se poidan ver afectados pola crise sanitaria. Deste xeito,
a nova comisión prestará asesoramento aos concellos da provincia en
cuestións como posibles modificacións orzamentarias, solicitude ou
modificacións de subvencións, clarificación de competencias municipais e
tamén, como apuntou a presidenta, "en como se actuará nun momento como
este en ámbitos como os cemiterios, a limpeza viaria, limpeza de
edificios públicos, nas feiras, mercados de abastos, lonxas, comercio
ambulante, en cuestións como o tratamento da materia impositiva, con
parques públicos, con xardíns, coa mobilidade, e con praias entre
outras".
A presidenta indicou que os/as
integrantes da comisión xa están a preparar toda a documentación para
"facer propostas concretas sobre cada unha desas cuestións nas que van a
asesorar aos concellos da provincia de Pontevedra".
Cancelación de programas
Doutra banda, o Comité de Seguimento do COVID-19 tamén acordou por
unanimidade de todos os grupos políticos, baixo o criterio da prudencia e
atendendo aos informes técnicos e sanitarios que se teñen realizado
sobre cada un dos programas que desenvolve a Deputación, a cancelación
de varias das iniciativas previstas para este ano ante a inviabilidade
de poder desenvolvelas nas actuais circunstancias. "É unha decisión
rigorosa, baseada en análises técnicos e sanitarios, que non supón que
non vaiamos facer outras cousas", afirmou Silva.
Como explicou a
presidenta, "hai un acordo de todos os membros da comisión para facer
isto, porque é fundamental ter cautela e que a saúde sexa o centro de
todas as decisións", especialmente, como subliñou, cando os estudos de
prevalencia amosan que o coronavirus tivo unha baixa circulación en
Galicia e na provincia, "debido a que o 13 de marzo se tomou a decisión
de declarar o estado de alarma", polo que "temos unha baixísima
inmunidade e temos que ser aínda máis cautelosos" ante a posibilidade de
novos rebrotes. Afirmou que estes programas das áreas sociais,
mocidade, igualdade e deportes se retomarán no 2021 "coas actuais
características se as circunstancias son de normalidade e, se non, os
modificaremos para responder á nova realidade". En concreto, os
cancelados este ano son Tecendo Lazos, Depotermal, Depo en Marcha, En
Ruta coa Depo, Depoaventura A Lanzada, Depodesafío, Depoandainas, os
Campamentos Polideportivos e Conectadas.
Carmela Silva sinalou
que moitos destes proxectos estaban dirixidos a poboación considerada de
risco polas autoridades sanitarias, como as persoas maiores, ou os
locais onde se desenvolvían estes programas, na súa maioría ligados a
asociacións de todo tipo da provincia, "non poden cumprir coa obriga de
manter o distanciamento físico". Amais, outras actividades estaban
dirixidas a grupos amplos que incumpren os aforos establecidos coa nova
normalidade "e a súa redución racharía total e absolutamente co espírito
dos programas". E a todo isto únese a imposibilidade, como sinalou a
presidenta, de celebrar todas as citadas actividades por medios
telemáticos ou en liña.
Noutros casos, engadiu a presidenta, os
colectivos sociais aos que van dirixidos poderían ter dificultades para
garantir cuestións como a limpeza dos locais, a súa desinfección e tamén
a dotación de material de protección para as persoas participantes. E
outros programas incluían visitas a museos e equipamentos culturais,
turísticos ou de hostalería, que van ver reducido o número de visitantes
e clientes, "polo que sería imposible cubrir a demanda dos e das
participantes". No caso concreto dos campamentos infantís da Lanzada,
resultaba inviable a asistencia do mesmo número de nenas e nenos das
edicións anteriores e garantir as actividades paralelas, como excursións
ou desprazamentos ás praias, e "a separación física nas zonas comúns,
tanto de pernoctas como alimentación, sería imposible de garantir nos
espazos que se desenvolve".
Esta suspensión suporá a
reorientación de todas as actividades e programas propios da
Deputación, que se incluirá nunha modificación dos orzamentos prevista
para o mes de xullo. "Isto significa -aclarou Carmela Silva- que non
faremos estes programas pero daremos outros vinculados ás areas de
igualdade, deporte, medio ambiente ou lecer e que sen dúbida van ser
distintos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario