O Concello de Tomiño establece un protocolo para a reincorporación do persoal municipal
· A reincorporación do persoal será gradual e progresiva e a partir do vindeiro luns, establece-ranse quendas rotatorias entre o persoal que deba prestar servizos de carácter presencial
Casa do Concello de Tomiño
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño, vén de establecer un protocolo para a reincorporación presencial do persoal da entidade local, a partir do vindeiro luns, 25 de maio de 2020. O devandito protocolo - que foi feito público no día de hoxe -, está deseñado para a prestación de servizos no Concello de Tomiño, fundamentalmente para o momento en que se levante a suspensión dos prazos administrativos, e ante as dificultades que poden xurdir para levar a cabo unha correcta atención ao público e unha axeitada tramitación dos procedementos, garantindo o cumprimento de todas as medidas de protección para o persoal municipal e para os seus usuarios, así como as medidas de distanciamento social, a flexibilidade horaria e a conciliación familiar para os traballadores/as.
Neste protocolo, establécese o teletraballo como forma preferente de prestación de servizos administrativos e como medida de protección da saúde do persoal, así como para facilitar a conciliación persoal e familiar.
A reincorporación do persoal será gradual e progresiva segundo as necesidades do servizo e presencia nos equipos de traballadores vulnerables.
Asemade, estableceranse quendas rotatorias entre o persoal que deba prestar servizos de carácter presencial, coa flexibilización de xornadas e a adopción de medidas necesarias para evitar o risco de contaxio, coma limpeza e desinfección das instalacións, instalación de mamparas, e dotación de material de protección ao persoal.
O traballo presencial organizarase de modo que se evite o contacto entre persoas, ou de non ser posible, se reduza a súa frecuencia, respectando a distancia de seguridade.
A atención ao público farase, preferentemente, por vía telefónica, por correo electrónico, ou a través da sede electrónica.
Con este fin, darase publicidade dos teléfonos municipais e direccións de correo electrónico dos diferentes departamentos (para dar a posibilidade de que os cidadáns poidan acceder directamente ao departamento ao que desexen dirixirse), xunto co xeral do Concello (central), que será atendido coma vén sendo habitual.
No caso de ser necesaria a atención presencial, fixarase un horario de atención ao público presencial, con cita previa (de luns a veres de 09:00 a 13:00 horas con carácter xeral).
Colocarase no acceso e no interior das instalacións carteis coa información e indicacións que deben seguir os usuarios do Concello sobre cita previa, distancia de seguridade, circulación, etc., e só se permitirá a entrada dun usuario por cada cita, excepto cando sexa estritamente necesario a presenza dun acompañante.
As citas previas concederanse cun mínimo de 15 minutos entre elas ou o suficientemente espazadas no tempo para, na medida do posible, evitar colas.
Durante o horario de atención ao público reservarase para o seu uso exclusivo os baños da planta baixa, e a circulación polas escaleiras e corredores efectuaranse polo lado dereito. Un traballador ou traballadora estará na recepción da Casa Consistorial en horario de atención ao público para axudar a controlar as medidas indicadas anteriormente.
Con respecto á presentación de documentos, establécese a preferencia da presentación tele-mática de instancias e solicitudes no Rexistro de Entrada, a través da sede electrónica (www.tomino.sedelectronica.gal).
Por útimo, constituirase unha comisión mixta de seguimento, de composición paritaria, (integrada por representantes da Administración e das organizacións sindicais que ratificaron o presente protocolo) para levar a cabo o seguimento da aplicación das medidas establecidas, así como, se é o caso, trasladar as propostas de revisión que consideren oportunas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario