A CIG conmemorou o Primeiro de Maio reclamando protección para a clase traballadora e soberanía e futuro para Galiza
A central chamou a unha acción reivindicativa dende as fiestras ás 12 horas
A central chamou a unha acción reivindicativa dende as fiestras ás 12 horas
Infogauda / Galiza
A CIG conmemorou
este Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, animando a unha
acción reivindicativa ás 12 horas dende as fiestras, consistente en cantar a
Internacional e pendurar a bandeira da patria e bandeiras vermellas. Porque
este ano celebramos esta data tan importante para a clase obreira en condicións
especiais, pero co carácter combativo e reivindicativo de sempre.
Precisamente, o
lema escollido pola CIG, "Protexamos a clase traballadora, non o capital.
Por unha Galiza soberana e con futuro", apela á necesidade de contármonos
con medidas que garantan a nosa saúde ante a pandemia da Covid19, mais tamén á
urxencia de virar as políticas para que a crise social e económica derivada da
emerxencia sanitaria non volva recaer sobre a clase traballadora e as maiorías
sociais.
Neste senso, Paulo
Carril, secretario xeral da CIG, puxo o acento no feito de que a Covid19 ataca á
poboación en xeral, "pero o seu impacto discrimina entre persoas ricas e
pobres, porque non afecta por igual a todas ás clases sociais nin a todos os
pobos e nacións".
De feito, denuncia
que as medidas aprobadas polos gobernos demostran unha maior preocupación
"pola saúde do capital que pola saúde da poboación", salientando que
incluso se aproveita o estado de alarma para confinar os nosos dereitos e as
liberdades públicas e democráticas.
"Non podemos
permitir que se siga enfrontando esta crise con políticas que empobrecen máis a
maioría do pobo pola aplicación indiscriminada de ERTEs e despedimentos
masivos, sen resolver o cobro puntual do
paro, sen protección social plena,
sen as necesarias medidas de seguridade
e sen garantir un emprego e salarios dignos".
Entende que o
camiño para facer posíbel vivir e traballar dignamente na nosa terra, comeza
pola derrogación íntegra das reformas laborais e sociais, reverter o
desmantelamento dos servizos públicos, asegurar un financiamento público pola
vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas ou promover o retorno
ao sector público de sectores estratéxicos da economía que están en mans
privadas.
Especial impacto da crise en Galiza
Carril
alerta que o impacto desta crise resulta especialmente virulento en Galiza,
pois "xa estabamos a vivir unha auténtica emerxencia por causa dunha crise
industrial, social e demográfica, con altos porcentaxes de emigración, precariedade, pobreza e desigualdade".
Porén, ante as inxustas e insuficientes medida aplicadas, lamenta que o Goberno
de Feixóo "siga máis preocupado por afondar nun modelo de dependencia a
Madrid e a Bruxelas, por sacar rendemento electoral, que por frear os abusos patronais, reforzar
os servizos públicos ou exercer as competencias, as capacidades propias que
temos como pobo galego e como nación para afrontar esta situación".
Fronte a isto, e
nunha data sinalada para a clase traballadora como o Primeiro de Maio, Carril
subliñou "que será a
organización, a loita e a mobilización as que forzarán o avance nas
políticas alternativas que precisamos, que son políticas públicas que
prioricen e concentren todos os recursos
existentes en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías
sociais".
PROPOSTA LABORAL
DE URXENCIA DA CIG NO INICIO DA "DESESCALADA"
Ante esta grave
situación e cando comeza a denominada fase de "desescalada", a CIG
ten elaborada unha proposta de urxencia, que pasa en primeiro lugar pola
derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 nas que se fundamentan as fórmulas
impostas polo Goberno, restabelecéndose como versión menos mala a vixente con
anterioridade, durante o tempo que non poida entra en vigor un novo marco
legal.
Isto suporía, no
caso dos ERTEs, ter que chegar a acordo coa representación sindical e o
exercicio do control e, no seu caso, da autorización previa pola
Administración. Para evitar os abusos e o grave prexuízo que supoñen estas
regulacións, CIG reclama que se impidan as prórrogas dos ERTEs e se prohiba
simultanear a súa aplicación con medidas de descolgue salarial, inaplicación de
convenio, modificacións substanciais das condicións laborais, etc.
No relativo á
problemática xerada polo atraso no cobro da prestación por desemprego, Carril
demanda o pago inmediato do paro, habilitando par isto un procedemento especial
e extraordinario coa confección nóminas para efectuar os ingresos semana a
semana até a posta ao día dos expedientes; e que se perciba o 70% da base
reguladora durante o tempo que se estea nun ERTE. A tal fin, débese derrogar a
reforma feita polo Goberno do PP a través do Real Decreto Lei 20/2012, que
recortou as prestacións por desemprego ao reducir a porcentaxe aplicable á base reguladora a partir do día 181 de
prestación, pasando dun 60% a un 50%.
Tamén que estas medidas sexan aplicadas a
todas persoas traballadoras despedidas por causa da pandemia ou que desde o 1
de xaneiro estiveran xa no desemprego percibindo prestación; que este tempo se
considere non consumido; e que se recoñeza o dereito á prestación por
desemprego a todas as persoas traballadoras afectadas pola Covid19.
Xunto a
isto, para poder acollerse a un ERTE, que se lles esixa ás empresas completar até
o 100% dos salarios, garantías de reincorporación do persoal temporal despedido
e tamén garantías de incremento salarial dos convenios colectivos pendentes de
renovar.
En
relación ao teletraballo, a CIG demanda que haxa control e garantías sobre o
dereito á desconexión dixital, á protección de datos e uso de internet. Na
situación actual, é necesario ademais que se concedan automaticamente as
solicitudes de redución e adaptación de xornada por coidado de persoas
vulnerábeis e se garanta que as persoas traballadoras que non teñan outra
alternativa para conciliar non vexan os seus ingresos reducidos en máis do 30%
da súa base de cotización.
Para
financiar o importante gasto público que xeran as medidas, a CIG propón a
creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e os activos
financeiros, e a eliminación dos privilexios fiscais das SICAV e grandes
empresas; e o desvío na contía necesaria das partidas destinadas aos gastos
militares e da Casa Real nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario