4 de maio de 2020

O BAIXO MIÑO

UXÍO BENÍTEZ CRITICA A “INACCIÓN DE FEIJÓO” ANTE O PECHE DOS PASOS NA FRONTEIRA ENTRE PONTEVEDRA E PORTUGAL MENTRES ABREN NOUTROS LUGARES DE ESPAÑA  

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e presidente do AECT Río Miño subliña que Extremadura, grazas á actuación autonómica, suma hoxe un novo paso aberto aos que xa tiña a pesares de ter catro veces menos tránsito de persoas e actividade económica   

Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza e presidente do AECT Río Miño, nunha recente reunión telemática
Foto: D.PO.

Infogauda / O Baixo Miño

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e presidente do AECT Río Miño, Uxío Benítez Fernández, criticou hoxe a “inacción” do presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo ante o mantemento do peche dos pasos na fronteira entre Pontevedra e Portugal mentres, ao mesmo tempo, están a abrir outros puntos de acceso ao longo da ‘raia’ noutras comunidades autónomas do Estado, como hoxe aconteceu en Villanueva del Fresno, en Extremadura, grazas ás peticións do seu xefe do executivo rexional, Guillermo Fernández Vara.   

 Benítez destaca que existe unha clara “diferenza de trato” entre localidades a pesares de que o único paso que existe entre Pontevedra e Portugal, o paso de Tui-Valença do Minho, é con diferencia o de maior número de tránsitos na fronteira de todo o Estado. O deputado nacionalista subliña que a actividade económica e a circulación de persoas no punto fronteirizo pontevedrés chega a cuadriplicar -con 44.000 persoas- a outros como os de Vilar Formoso - Fuentes de Oñoro (Salamanca), con 11.400 persoas diarias; o de Elvas- Caya (Badaxoz), con 9.800 personas; ou o de Vila Real de Santo António e Ayamonte, con 5.400 persoas diarias.   

 “O territorio transfronteirizo do Miño é dos máis dinámicos de toda Europa. É a fronteira máis poboada pola centralidade entre Vigo e Porto. Temos o maior fluxo de relacións comerciais, industriais, económicas, sociais, lingüísticas e culturais. Tendo só 70 quilómetros dos 1.200 de toda a fronteira con Portugal temos o paso do 49% dos vehículos. E a día de hoxe só hai un paso aberto autorizado para todos e todas as traballadoras que deben moverse entre un lado e outro. Mentres, en Extremadura hai abertos xa tres (Cilleros, Valencia de Alcántara e Caya)”, subliñou o deputado.  

 O responsable nacionalista destacou que é preocupante a “inacción” da Xunta de Galicia. Subliñou que o goberno galego é coñecedor de todos os datos de actividade económica do territorio transfronteirizo do Miño, xa que o propio Núñez Feijóo alterna na presidencia e vicepresidencia da Comunidade de Traballo de Galiza-Norte de Portugal que agora dirixe o país luso. “Dende esa posición, que reclamou Feijóo na reunión de onte entre Sánchez e os presidentes autonómicos? Parece que nada relativo á nosa fronteira. Temos un presidente ausente, que non nos defende”, cuestionou Benítez, para explicar que, pola contra, o presidente extremeño Fernández Vara fixo especial fincapé na reclamación da normalización de todos os pasos de fronteira do seu territorio -varios abertos xa dende o 17 de marzo de maneira ‘xustificada’ pola importancia da actividade económica-, sobre todo para as persoas traballadoras.  

 Benítez reclamou a Feijóo que exerza de presidente tamén para as galegas e galegos do sur de Galiza, e se una á primeira liña na reclamación da apertura inmediata de novos pasos na fronteira galego-portuguesa. Lembrou que a semana pasada o AECT Rio Minho xa trasladou aos respectivos gobernos centrais de España e Portugal unha declaración conxunta asinada polos representantes das câmaras municipais e dos concellos do territorio transfronteirizo do río Miño neste sentido. Ademais, no escrito enviado tamén se solicitoucoordinación entre os Estados español e portugués na posta en marcha das medidas de desescalada, “evitando partir en dous as eurocidades existentes e os territorios transfronteirizos en xeral”.  

 Hai que lembrar que as dificultades, contratempos e gastos para os traballadores transfronteirizos téñense multiplicado co peche da fronteira. Como exemplo, unha traballadora de Arbo que teña que trasladarse a Melgaço, nunha viaxe que antes era de apenas uns seis quilómetros –apenas cruzar a ponte- agora convértese nun traxecto duns 120 quilómetros ao ter que ir ata Tui para cruzar a fronteira e despois volver dende Valença do Minho pola parte portuguesa á vila de Melgaço. No caso de ter que facer unha viaxe de ida e o regreso ao domicilio cada día, serían uns 240 quilómetros diarios, co que iso supón en tempo de desprazamento, tempo no control da fronteira e, gastos de combustible, entre outras problemáticas.   

 Antes do peche de fronteiras, na provincia de Pontevedra había seis puntos de acceso e saída a través de pontes sobre o Miño: A Guarda, Tomiño, Tui (dous), Salvaterra e Arbo. Agora só permanece aberto un en Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario