Unha de cada tres persoas en idade de traballar está no paro ou atópase afectada por un ERTE en Galiza
A CIG reclama medidas eficaces e urxentes para frear a destrución de emprego e garantir a cobertura social
Infogauda / Galiza
Case 400.000 persoas, arredor dun terzo da poboación activa galega, atópase en paro ou en ERTE tras o incremento do 9,83% rexistrado nas cifras de desemprego o pasado mes de abril. Dende a CIG reclaman medidas eficaces e urxentes para garantir o mantemento dos postos de traballo e a cobertura social ás persoas afectadas.
Os datos publicados hoxe polo SEPE sitúan o número total de persoas paradas en 191.629, o que supón 17.148 máis que no mes de marzo, aínda que seguen sen figurar todos/as os traballadores/as afectados/as por un ERTE, cifra que non deixa de medrar e que supera xa as 200.000 persoas.[nbsp] A afiliación á Seguridade Social continúa a caer tamén, colocándose xa por debaixo do millón de persoas (974.770), tras descender en 27.853 persoas (-2,78%) con respecto a marzo. Mentres que a taxa de cobertura segue a deixar practicamente a metade da poboación [nbsp] parada sen protección social.
Estes datos debuxan un panorama desolador no mercado laboral galego, que enfronta a crise derivada da alerta sanitaria provocada polo novo coronavirus nunha situación de emerxencia económica e social como consecuencia do desmantelamento do sector industrial.
Diante disto, dende a Secretaría Confederal de Emprego e Industria da CIG reiteran a demanda de medidas “eficaces e urxentes” que garantan o mantemento dos postos de traballo neste contexto e a cobertura social para as persoas afectadas polos despedimentos e os ERTE.
Segundo denuncia Fran Cartelle, o que está a acontecer demostra que as medidas aplicadas polo Goberno central son “ineficaces e inxustas” e chegaron tarde, provocando destrución de emprego e afectando de xeito desigual ás persoas traballadoras. “Houbo xente que foi despedida ao principio, outra acolleuse a un ERTE despois, pero a realidade é que segue a haber despedimentos porque os ERTE non garanten o mantemento do emprego”.
Neste senso, a CIG leva dende o inicio deste crise a reclamar a implementación dunha licenza retribuída universal coa que se garantirían os postos de traballo e a cobertura para as persoas traballadoras. “É imprescindíbel que o Goberno aplique medidas que freen a destrución do emprego, que obriguen as empresas a manter os postos de traballo”, sinala.
Ademais, aposta por prohibir que se poida aplicar de xeito simultáneo un ERTE e calquera outra medida consistente nun descolgue salarial, inaplicación de convenio colectivo, modificación substancial das condicións de traballo ou mobilidade xeográfica e/ou funcional.
Por outra banda, incide na necesidade de derrogar as últimas reformas laborais aprobadas por PP e PSOE coa escusa da anterior crise económica, que non fixeron máis que empobrecer a clase traballadora e que están a ser utilizadas “de xeito perverso” polo empresariado para despedir.
Baixa a afiliación á Seguridade Social
En canto ao paro, a provincia máis afectada foi de novo A Coruña, cun incremento do 10,9%, situándose xa nas 76.971 persoas. Por sectores, foi a construción onde máis medrou (13,26%), mais seguido a pouca distancia pola industria, cun medre do 11,43%.
Tamén continúa a baixar a afiliación á Seguridade Social, que experimentou un descenso do 2,78%, situándose xa por debaixo do millón de persoas (974.770). Neste caso a provincia máis afectada foi Pontevedra, cunha baixada do 3,16%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario