Xosé Luís Bará reclama á Xunta de Galicia que apoie aos concellos do Miño e se poña á fronte da reivindicación de máis pasos na fronteira para os traballadores transfronteirizos
· O cabeza de lista do BNG asegura que a relación con Portugal é “esencial” para Galiza e pide unha apertura inmediata para evitar agravios con outras rexións como Extremadura
· Subliña a necesidade dun Plan de reactivación económica da rexión Galiza-Norte de Portugal
Xosé Luís Bará Torres, cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, no decurso da xuntanza telemática que mantivo na mañá de hoxe
Foto: BNG
Foto: BNG
Infogauda / O Baixo Miño / O Condado
“Irracional e absurda”. Así cualificou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Xosé Luís Bará Torres (Vilaboa - Pontevedra, 1965), a situación que están a vivir os concellos do Miño pola existencia dun único paso na fronteira con Portugal que está a crear grandes sobrecustos económicos e de tempo ás traballadoras e traballadores transfronteirizos para acudir aos seus postos.
O candidato nacionalista, que na mañá de hoxe mantivo un encontro telemático co director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), Uxío Benítez, así como coas alcaldesas de Tomiño e do Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, respectivamente, e o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez; destacou que para o BNG a relación entre Galiza e Portugal é “esencial”. Por iso instou “ao Goberno central a tomar medidas inmediatas e á Xunta de Galiza a poñerse á fronte das reivindicacións, apoiando aos concellos para que de xeito inmediato haxa unha apertura de novos pasos fronteirizos que faciliten a mobilidade e eviten que a cidadanía teña que dar rodeos de máis de 100 quilómetros para ir traballar”.
Ademais, subliñou que “tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria semellante a unha e outra banda do Miño, tamén é aconsellable que se vaia abrindo gradualmente e de forma coordinada entre ambos estados outro tipo de relacións dende o punto de vista económico, comercial e tamén da hostalería”. Así mesmo, Bará reclamou que se traballe dun xeito participado na elaboración dun Plan de reactivación de toda a rexión Galiza-Norte de Portugal, un documento que –a xuizo do cabeza de lista- debe liderar a Xunta, xa que o presidente galego é o presidente da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal.
Segundo afirmou Bará, a problemática derivada do peche da fronteira e a existencia dun único paso “pon de relevo o descoñecemento absoluto por parte dos gobernos de Lisboa e de Madrid da situación demográfica, económica e social da zona”. Cualificou, así mesmo, a actuación tanto do goberno central como do galego de “desleixo absoluto” e desinterese por resolver os problemas que hai. “Existe unha desaparición total da Xunta de Galiza, que se desentende da problemática e “deixa nas mans dos concellos facer fronte á situación”, criticou.
O nacionalista lembrou que “os concellos de ribeira directa co Miño supoñen unha poboación de máis de 150.000 persoas, e subliñou o treito pontevedrés de fronteira, sendo 70 quilómetros dos 1.200 de toda a raia entre España e Portugal, rexistrou o 44% de todo o tránsito entre ambos países durante o estado de alarma. Tendo en conta as cifras previas á pandemia, a cifra incluso é máis alta, xa que o paso de Tui é o que recibe máis vehículos, sendo o cuarto o de Salvaterra e o quinto o de Tomiño, sumando entre eles o 49% dos fluxos”.
“Isto ten que ver coas relacións históricas e culturais e sociais que se deron nesta fronteira, que ten unha absoluta continuidade –algunhas Eurocidades pódense considerar un só concello- e un grande dinamismo económico e social, o maior de toda a Unión Europea”, salientou.
Finalmente, destacou que se está a producir unha situación de agravio e discriminación, xa que noutros lugares do Estado Español como Extremadura abríronse novos pasos pola presión política e o peso político da comunidade no goberno central. “Aquí estamos a sufrir un impacto que sobre todo afectando á xente traballadora que ten que engadir elevados custos económicos e de tempo para desprazamentos de moitos quilómetros, co que significa isto para salarios que están moi axustados entre 600 e 700 euros”, destacou, ao tempo que volveu criticar a inacción da Xunta de Galicia.
Os concellos da zona
Pola súa banda o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, lembrou que a agrupación transfronteiriza que dirixe leva reclamando solucións dende hai semanas. Indicou que o peche dos pasos é un “escándalo” xa dende o primeiro día, aínda que inicialmente foi comprendido pola gravidade da pandemia. “Agora a situación mudou e é preciso abrir, xa que a indignación medra día a día”.
Pola súa parte, as alcaldesas do Miño fixeron fincapé na problemática que supón a existencia dun só paso para a economía das persoas traballadoras. “Estase a trasladar o custe de poñer unhas patrullas máis na fronteira ás persoas que teñen salarios precarios. Hai un ‘colo de botella’ en Tui, e xente que ten que entrar ás 8 da mañá ten que se erguer ás cinco para chegar a tempo”, destacou a alcaldesa de Tomiño.
A rexedora do Rosal tamén puxo o centro do debate en que a afección ás persoas traballadoras é cada día maior, xa que moitas empresas que antes estaban pechadas están reactivándose e, polo tanto, é maior o fluxo de persoas que debe cruzar a fronteira. “Cada vez custa máis ir a traballar, e hai que pensar que o virus non entende de fronteiras, senón de zonas de afección, e aquí a situación é practicamente a mesma a cada lado da raia”.
Pola súa banda, o alcalde de As Neves puxo o foco “nas consecuencias non só económicas senón tamén sociais que está deixando o peche de pasos”. Destacou que o territorio do Miño vive a súa vida de igual maneira a ambos lados do río porque hai intereses comúns e dependencia mutua..
Ningún comentario:
Publicar un comentario