12 de maio de 2020

LABORAL

A CIG de Vigo esixe solucións inmediatas para os millares de traballadoras e traballadores en ERTE que inda non cobraron  

A central sindical nacionalista denuncia que nun número importante de empresas da automoción, o metal ou o sector servizos, o persoal afectado por ERTE inda non cobrou  

Alberte Gonçalves: “Parece que na Moncloa non entenderon que o pobo non comemos nin con propaganda, nin con promesas, nin coas boas palabras da ministra”  

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal de Vigo da CIG esixiu esta mañá, en declaracións do seu secretario comarcal, Alberto Gonçalves, unha solución inmediata á situación de varios millares de traballadoras e traballadores da bisbarra que, estando afectados por ERTE, inda non ingresaron as súas prestacións.   

 Gonçalves lembrou que a CIG xa advertira varias semanas atrás da “situación límite” na que se atopaban millares de traballadoras e traballadores da comarca de Vigo que non tiñan claro cando ían poder cobrar. “O colapso administrativo na tramitación dos ERTE e das súas prestacións, provocou que a día de hoxe haxa un número moi importante de empresas na práctica totalidade dos sectores, pero con especial incidencia na industria da automoción, no metal ou nos servizos, onde temos constancia de que o seu persoal non ingresou un só euro”, denuncia.   

 Unha situación de enorme gravidade dado que, como lembran desde a central sindical nacionalista “o salario é a fonte de sustento das familias traballadoras”. “Parece que na Moncloa non entenderon que o pobo non comemos nin con propaganda, nin con promesas, nin coas boas palabras da ministra de Traballo”, reprocha Gonçalves.  

 Para o secretario comarcal da CIG de Vigo é “absolutamente intolerábel” que os traballadoras e traballadoras afectadas por ERTE, que foron promovidos polo propio Ministerio de Traballo, non teñan cobrado nin saiban cando van cobrar. “Queremos preguntarlle directamente a Yolanda Díaz como van pagar estas familias as súas facturas, como poderán pagar as súas compras no supermercado, como van facer fronte a alugueiros e hipotecas”, inquiriu. Nese sentido, Gonçalves reclamou unha reacción áxil por parte do Ministerio de Traballo que vaia para alén do declarativo. “Onte, a ministra dicía empatizar cos millares de familias nesta situación. E nós dicímoslle que a empatía non resolve non ter cartos. Menos empatía e máis xestión. Menos anuncios e fotos de inútiles pactos sociais e máis solucións”, demandou.   

 Emporiso, desde a CIG, como primeira forza sindical esíxenlle ao Goberno español que adopte as medidas que sexan necesarias para asegurar que todas as persoas afectadas por ERTE poidan cobrar nos próximos días. “Non poden colocar as familias traballadoras en situación límite durante semanas”, advirten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario