14 de maio de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia e os colexios de veterinarios elaboran un protocolo de limpeza e hixiene dos animais de compañía ante o COVID-19  

      Foto: X.G.

A conselleira Ángeles Vázquez mantivo esta mañá unha videoconferencia co presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luís Núñez, para analizar o contido do documento, que vai dirixido tanto a profesionais como a donos de mascotas


Infogauda / Galicia

 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os Colexios de Veterinarios de Galicia veñen de colaborar na elaboración dun protocolo de hixiene e limpeza dos animais de compañía ante o COVID-19, un documento que inclúe toda unha serie de consellos e recomendacións dirixidos non só aos profesionais pertencentes a este colectivo, senón tamén aos propietarios das mascotas.

 A idea do protocolo, que esta mañá analizaron por videoconferencia a conselleira Ángeles Vázquez e o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luís Núñez, xurdiu co obxectivo de extremar as medidas de hixiene e limpeza ante a alerta sanitaria xerada polo coronavirus. Con todo, cómpre insistir en que non hai evidencias científicas de que esta enfermidade se poida contaxiar a través dos animais.

 En canto ao contido do documento, tivéronse en conta catro aspectos principais: a necesidade de empregar produtos axeitados para limpar a pel e as mucosas dos animais, considerando que moitos desinfectantes poden ser nocivos para eles; as medidas hixiénicas a tomar ante a saída dos animais á vía pública; o protocolo recomendado á hora de acudir a un centro veterinario; e as medidas hixiénicas respecto dos animais que conviven con persoas positivas ao COVID-19.

 Cómpre lembrar que as saídas á rúa cos cans foi un dos aspectos que desde a declaración do estado de alarma suscitou máis dúbidas e consultas por parte da poboación. Neste sentido, o protocolo recolle as principais recomendacións que desde o principio fixo públicas a Consellería, como realizar as saídas imprescindibles, evitar contactos, recoller os excrementos e limpar a zona na que o animal fixo as súas necesidades, e limpar ao volver a casa o pelo, a pel e todas as partes do animal que estiveran en contacto coa vía pública con auga e xabón ou con produtos que non sexan nocivos nin tóxicos.

 Polo que respecta ás visitas aos centros veterinarios, que durante todo o estado de alarma permaneceron dispoñibles para prestar a atención sanitaria que fose necesaria, aconséllase aos donos pedir sempre cita previa, acudir só co animal e respectar a distancia de seguridade en todo momento, mentres que aos veterinarios pídeselles que separen as citas para evitar a posible concentración de persoas e animais nas instalacións das clínicas.

 Por último, o documento elaborado entre a Consellería e o Consello Galego de Colexios Veterinarios aborda as medidas hixiénicas aconsellables respecto dos animais que conviven con enfermos de coronavirus.

 Sobre esta cuestión, o protocolo recolle que debe evitarse o contacto entre os positivos con COVID-19 e os animais de compañía pero en caso de que non sexa posible, terán que respectarse todas as medidas de corentena e illamento que se manteñen respecto ás persoas: isto é, empregar mascarilla e lavar as mans con frecuencia, así como outros utensilios que estean en contacto co animal. Así mesmo, cando o animal que convive co enfermo deba ir ao veterinario, haberá que informar ao personal da clínica para que adopte as medidas oportunas.

Unha relación de estreita colaboración

 A elaboración deste protocolo de hixiene e limpeza dos animais de compañía durante a crise do COVID-19 enmárcase na estreita colaboración que manteñen a Consellería de Medio Ambiente e o Consello Galego de Colexios Veterinarios. Esta entidade representa á profesión no ámbito da comunidade autónoma e vén desenvolvendo nos últimos anos labores de asesoramento e colaboración coa Xunta para a mellora das actividades profesionais veterinarias.

 Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou o papel clave que teñen os colexios de veterinarios na divulgación, educación e formación en materia de protección animal co fin de potenciar e inculcar que unha tenza responsable é o mellor e principal instrumento para prever o abandono e o maltrato animal.

 Así, en virtude dun convenio de colaboración asinado coa Consellería en 2016, o Consello encárgase da xestión e seguimento do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos (REGIAC), e durante a tramitación da Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro de 2018, a súa colaboración foi intensa e construtiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario