A Xunta de Galicia convida á reflexión sobre os desafíos da cultura na era post COVID-19 a través dunha serie de foros online con expertos
A
primeira sesión terá lugar este venres 15 de maio e contará coa
presenza da responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga
Sevillano Pintado, e o comisario e xornalista experto en comunicación
dixital, Manuel Gago Mariño
Este primeiro encontro analizará os desafíos e oportunidades das
canles, contidos e ferramentas dixitais e online no contexto actual de
crise sanitaria
Organizados pola Consellería de Cultura e Turismo a
través da Fundación Cidade da Cultura, os foros #aculturasegue poderán
seguirse de balde a través da rede
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia vén de pór en marcha
os Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era
post-COVID-19. Trátase dunha serie de encontros online –en formato
webinario– con especialistas procedentes de distintos campos das
industrias culturais e creativas, co obxectivo de convidar á reflexión e
á análise dos retos aos que se enfronta o sector no panorama actual,
marcado pola emerxencia sanitaria e o seu impacto no ámbito cultural.
Impulsados pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación
Cidade da Cultura de Galicia, enmárcanse no Plan de reactivación dos
sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19,
promovido polo Goberno galego.
Os foros #aculturasegue arrancarán
este venres 15 de maio cunha sesión que baixo o título Retos nos
contidos dixitais da cultura analizará os desafíos e oportunidades que
as novas plataformas e ferramentas tecnolóxicas ofrecen a profesionais e
institucións culturais no contexto actual. Para abordar estas
cuestións, contarase coa participación da responsable de programas
virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, institución para a
que liderou proxectos como Repensar Guernica, unha web que compila e
achega ao público preto de 2.000 documentos e materiais relacionados co
coñecido cadro que actualmente forma parte dos fondos da entidade e que
se baseou nun intenso traballo interdisciplinar desenvolvido ao longo de
dous anos por investigadores, historiadores, informáticos ou
deseñadores. Entre os seus traballos de xestión e coordinación de
eventos de arte e novas tecnoloxías destacan tamén o Comisariado do 12º
Festival Internacional de Investigación Artística de Valencia
Observatori 2011 e a coordinación en 2010 da exposición Sueños de
Silicio: Arte, Ciencia y Tecnología en la Unión Europea con motivo do
Consello Informal de ministros para la presidencia de España na UE.
Estará
acompañada por Manuel Gago Mariño, profesor asociado na Universidade de
Santiago de Compostela (USC) e coordinador de proxectos dixitais do
Consello da Cultura Galega. É tamén divulgador científico e cultural con
espazos en diferentes medios de comunicación de Galicia, así como
comisario de exposicións con ampla experiencia en mostras vencelladas ao
eido cultural e histórico, como foi o caso de Galicia, un relato no
mundo, a primeira exposición da Xunta polo Xacobeo 21, que pechou as
súas portas o pasado mes de abril no Museo Centro Gaiás.
O
encontro, que estará conducido pola comisaria do Xacobeo, Cecilia
Pereira, desenvolverase a partir das 18,00 horas a través de
videoconferencia. A charla, na que están convidadas a participar todas
as persoas interesadas, poderá seguirse de maneira gratuíta previo
rexistro a través da web cidadedacultura.gal, onde está dispoñible toda a
información sobre o encontro.
Temáticas dos foros
A esta
primeira sesión seguiranlle outras sete, a desenvolver en datas
próximas, centradas en diferentes temas e problemáticas que afectan ao
sector das industrias culturais e creativas, convidando a profesionais e
expertos en cada materia, tanto de Galicia como de fóra da nosa
comunidade.
Así abordaranse por exemplo os retos aos que se
enfrontan os sectores da música, das artes escénicas, das artes visuais
ou do libro na era post COVID-19, pero tamén outras cuestións como novos
formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos
culturais ou o novo perfil de consumidor e a superación da desconfianza
dos e das asistentes a eventos culturais no contexto da nova situación
sanitaria global.
Ningún comentario:
Publicar un comentario