Feijóo avanza o Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria que optimizará o funcionamento dos centros e garantirá a seguridade dos profesionais e doentes
Afirma que está estruturado en varias fases que se desenvolverán dun xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez
Feijóo
Foto: X.G.
Destaca que cada centro sanitario
procurará contar con dous circuítos diferenciados: un destinados aos
pacientes covid e outro para o resto de doenzas
Pide a
colaboración dos pacientes e agradece o labor do persoal sanitario e non
sanitario que traballa nos centros de saúde e nos puntos de atención
continuada
Infogauda / Galicia
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez
Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o Plan de
reactivación asistencial da Atención Primaria que optimizará o
funcionamento dos centros de saúde e garantirá a seguridade dos
profesionais e dos doentes.
Logo de recordar que a Atención
Primaria xogará un papel moi relevante na detección precoz de novos
casos e na paulatina volta á normalidade, Feijóo subliñou que esta folla
de ruta foi elaborada en colaboración cos diferentes colexios
profesionais, sociedades científicas e asociacións do eido sanitario; e
foi tamén validada polo Comité Clínico do Servizo Galego de Saúde. En
concreto, está estruturada en varias fases que se desenvolverán dun
xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño (a fase 1
comprende do 4 ao 17 de maio; a fase 2 do 18 ao 30 de maio; a fase 3 do 1
ao 14 de xuño; e a fase 4 do 15 de xuño en diante).
Entre as
medidas principais, o responsable do Executivo galego subliñou que ante
unha infección respiratoria aguda, os médicos de familia poderán
solicitar a realización das PCR, precisando que ata o de agora xa podían
dentro das limitacións do protocolo do Ministerio, pero agora poderán
pedir inmediatamente unha PCR e deberá ter resposta nun prazo de entre
24 e 48 horas. Así mesmo, potenciarase a atención telefónica, a citación
espallada de pacientes para evitar aglomeracións, o impulso da atención
domiciliaria e o teleseguemento, e a limitación no acceso de persoas
aos centros de saúde, cuxo aforo, continuará a verse limitado por
motivos de seguridade.
No eido da prevención dos riscos laborais,
os centros de saúde estarán dotados do material necesario para a
protección individual dos traballadores e contarán cunhas Epis
proporcionais e axeitadas aos riscos aos que se deban expoñer os
profesionais do centro. E darase continuidade ás actividades formativas e
informativas dirixidas ao persoal sanitario e non sanitario dos
centros, ademais de intensificarse as tarefas de limpeza e desinfección,
tanto das estancias como dos equipos de traballo.
Feijóo destacou
que se trata dun plan flexible que se irá adaptando ás circunstancias,
precisando que, segundo avancen as súas fases, o persoal sanitario irá
recuperando as actividades suspendidas polo xurdimento da pandemia.
A
cada servizo de atención primaria corresponderalle a reorganización das
axendas profesionais en función das necesidades, prestando especial
atención aos pacientes máis máis vulnerables.
Para evitar a
propagación do coronavirus, cada centro sanitario procurará contar con
dous circuítos diferenciados: un destinados aos pacientes covid e outro
para o resto de doenzas. Non obstante, se as dimensións dos centros
sanitarios non permitisen esta diferenciación, valorarase a posibilidade
de atender comarcalmente aos pacientes con sintomatoloxía covid.
Entre
outras medidas que achega o plan, inclúense apuntamentos que abordarán
dun xeito específico as especialidades sanitarias como son: a atención
pediátrica, que manterá un circuíto diferenciado; a atención obstétrica,
cuxas consultas prenatais e puerperais serán realizadas preferiblemente
de xeito telefónico; as unidades de saúde bucodental, que precisan
equipos de protección individual integrais; as unidades de fisioterapia,
que recuperarán a súa actividade seguindo criterios de prioridade
patolóxica e menor risco de contaxio; as unidades de atención
farmacéutica, que mesturarán a atención telefónica e presencial; e as
unidades de atención de traballo social sanitario, que se centrarán na
detección proactiva de pacientes en situación de risco e exclusión
social.
O presidente da Xunta concluíu subliñando que o plan de
reactivación asistencial procurará impulsar a detección precoz de novos
casos en atención primaria. Así mesmo, e para levalo a cabo, pediu a
colaboración dos pacientes e agradeceu o labor do persoal sanitario e
non sanitario que traballa nos centros de saúde e nos puntos de atención
continuada.
Nova adquisición de material para os hospitais
Ao
longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse tamén á
adquisición de novo material para hospitais por valor de 600.000 euros,
entre o que destacou: 8 ventiladores volumétricos, 5.000 pulsioxímetros e
200 camas de hospitalización.
Nesta mesma liña, destacou a
aprobación do expediente de contratación da obra para instalar 33 portas
automáticas nas UCI e REA do Hospital Universitario Lucus Augusti de
Lugo cun investimento de 170.000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario