Galicia contará por primeira vez cun plan específico para a prevención de incendios, dotado con máis de 30 millóns de euros
Feijóo salienta que o plan intervirá sobre case 46.000 hectáreas de xeito conxunto, en preto de 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e ademais faranse traballos de mantemento en 3.207 puntos de auga
Sinala que as accións executaranse na súa maioría entre o 18 de maio e o 13 de xullo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa de hoxe
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe
na rolda de prensa do Consello que Galicia contará por primeira vez cun
Plan específico e monográfico para a prevención de incendios, dotado con
30,5 millóns de euros.
“A nosa prioridade da saúde ten que
facerse compatible coa prioridade forestal e cos dereitos e seguridade
nos lumes forestais ante a tempada de verán que comeza xa a iniciarse”,
afirmou Feijóo antes de explicar que este Plan é unha iniciativa
integral que contempla as actuacións da Xunta e, tamén, as previstas en
colaboración con outras institucións e particulares –que contan co apoio
da Consellería do Medio Rural a través de convenios e subvencións– para
previr os lumes. Ademais, salientou que esta iniciativa recollerá
accións sobre o territorio, concretadas en traballos silvícolas
preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e en
intervencións de mellora da xestión forestal. Unhas actuacións que se
executarán na súa maioría entre o 18 de maio e o 13 de xullo.
O
plan intervirá sobre case 46.000 hectáreas de xeito conxunto, en preto
de 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e
ademais faranse traballos de mantemento en 3.207 puntos de auga.
As
actuacións recollidas neste plan realizaranse, por unha banda, en
montes e terreos forestais; e, por outra, nas faixas secundarias de
xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás
vivendas.
Así mesmo, de xeito complementario a esta planificación,
desenvolveranse outras iniciativas que inciden na anticipación aos
lumes, como son: a dotación de material e vehículos; o plan de pastos,
cun investimento de 9,5 millóns de euros e que se prevé iniciar entre os
meses de maio e xuño; a silvicultura preventiva; as aldeas modelo; ou
os polígonos agroforestais.
“En definitiva, estamos traballando;
miles de persoas comezarán a traballar de forma inmediata a partir do 18
de maio”, afirmou o presidente da Xunta, engadindo a modo de conclusión
que espera “presentar o Pladiga –que é xa a fase de extinción de lumes–
neste mes de maio e, en consecuencia, pechar xa a prevención e o
Pladiga durante este mes e empezar os traballos de silvicultura e roza
de forma inmediata a partir do 18 de maio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario