Case un milleiro de efectivos de Medio Rural comezarán a traballar o vindeiro 11 de maio para reforzar a prevención e extinción de incendios en Galicia por un período de 6 meses
En concreto, incorporaranse 984 traballadores fixos descontinuos, entre os que se atopan bombeiros forestais, técnicos, emisoristas ou vixilantes
Así, despregaranse un total de 137 brigadas terrestres: 48 en Pontevedra, 31 en Ourense, 29 na Coruña e outras 29 en Lugo
Infogauda / Galicia
Case un milleiro de efectivos da
Consellería do Medio Rural comezarán a traballar o vindeiro 11 de maio
para reforzar o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios
Forestais (Spdif) de Galicia por un período de 6 meses. En concreto,
incorporaranse 984 traballadores fixos descontinuos distribuídos en
distintas categorías profesionais.
Así, o próximo luns iniciarán o
seu labor de prevención e extinción un total de 830 bombeiros
forestais, a meirande parte deles na categoría propia de bombeiro
forestal pero tamén nas de xefe de brigada, peón e condutor de motobomba
ou brigada helitransportada. A maiores, comezarán a traballar 73
vixilantes fixos, 69 emisoristas, 6 técnicos e 6 operadores
codificadores.
Deste xeito, coa incorporación do persoal fixo
descontinuo de 6 meses despregaranse un total de 137 brigadas terrestres
en toda a comunidade. Por provincias, 48 operarán en Pontevedra, 31 en
Ourense, 29 na Coruña e outras 29 en Lugo.
Os 984 empregados que comezan o vindeiro luns 11 de maio permanecerán en activo ata o 10 de novembro de 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario