A Xunta de Galicia reabre ao público os seus oito portais e centros de visitantes da Rede de Parques Naturais de Galicia
A
conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá a aula de interpretación
das Fragas do Eume, en Pontedeume, para coñecer de primeira man o novo
protocolo de funcionamento interno e de atención aos visitantes posto en
marcha fronte ao COVID-19
A conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá a aula de interpretación das Fragas do Eume, en Pontedeume
Foto: X.G.
Infogauda / Pontedeume (A Coruña)
Os oito portais e centros de visitantes vencellados á Rede de
Parques Naturais de Galicia acaban de retomar a súa actividade de cara
ao público logo do levantamento da suspensión que pesaba sobre este tipo
de instalacións debido ao COVID-19. Así o comprobou persoalmente a
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez,
que visitou esta mañá o Centro de Interpretación das Fragas do Eume
acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
Cómpre
lembrar que estas oficinas de atención ao visitante levaban pechadas
desde a declaración do estado de alarma a mediados do mes de marzo. Na
súa última reunión, sen embargo, o Centro de Coordinación Operativa da
Xunta acordou reabrir ao público os centros de visitantes e de
interpretación dos parques naturais galegos, ao amparo da orde de 30 de
abril que regula as condicións nas que se pode realizar actividade
física non profesional ao aire libre e permite “circular por calquera
vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas
verdes autorizadas”.
Como paso previo á súa reactivación, Vázquez
Mejuto explicou que se tiveron que adoptar toda unha serie de medidas
hixiénicas e de atención ao público co obxectivo de garantir a
prestación do seu servizo pero “minimizando ao máximo o posible risco de
contaxio”.
Para iso, a Consellería deseñou e aprobou un protocolo
de actuación ante o COVID-19 neste tipo de centros que implicou
reorganizar tanto os espazos de traballo como os reservados para a
circulación dos visitantes co fin de manter sempre a distancia de
seguridade, reforzar a hixiene e a limpeza das instalacións, colocar
carteis informativos, marcas no chan e outros elementos de sinalización
de utilidade, ou limitar o aforo máximo ao recinto, evitando
aglomeracións.
Neste sentido, prevese que os visitantes, que
deberán acceder ao centro provistos de máscaras, agarden fóra das
instalacións cando non se poida manter a distancia establecida entre
eles e os grupos deberán ser reducidos, non superando en ningún caso as
10 persoas e sempre mediante cita previa.
Traballo durante o estado de alarma
Despois
de dous meses de inactividade pública nos portais e centros de
visitantes dos parques naturais, Ángeles Vázquez subliñou que durante
todo o estado de alarma seguiuse a traballar a porta pechada. Deste
xeito, as actividades de atención ao público foron substituídas por
outras como a elaboración de manuais de boas prácticas relacionados coa
biodiversidade, o parque natural, o sendeirismo ou o propio centro de
recepción de visitantes, entre outros, a preparación de fichas
didácticas de talleres, xogos ou actividades deseñadas para a súa
execución durante as charlas ou rutas guiadas, a revisión e proposta de
mellora da páxina web ou o deseño de novos roteiros con guía.
Ademais,
co fin de manter estes espazos naturais en perfecto estado de
conservación, sinalización e limpeza de cara á súa reapertura, tamén se
levaron a cabo traballos de mantemento da contorna.
Así, no caso
das Fragas do Eume os traballos comezaron o 14 de abril e correron a
cargo dunha cuadrilla composta por un xefe de brigada e tres peóns,
dotados dos vehículos e das ferramentas necesarias. En total,
desbrozaron 0,68 hectáreas de monte, cortaron 0,4 hectáreas de herba,
procederon á retirada da madeira presente na estrada a Monfero e tamén
arrincaron exemplares de crocosmia, unha especie exótica invasora,
presente en Xunqueira de Abaixo e outras zonas.
Por todo o
exposto, a conselleira agradeceu ao persoal ao servizo da Consellería o
traballo realizado durante o estado de alarma tanto nos seis parques
naturais cos que conta Galicia -complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de
Carregal e Vixán, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O
Invernadoiro e Serra da Enciña da Lastra, ademais de Fragas do Eume-
como no resto de espazos protexidos da comunidade, un labor
imprescindible para manter e conservar os valores naturais que
atesouran.
Neste sentido, lembrou tamén que este domingo 24 de
maio se celebra o Día Europeo dos Parques Naturais, unha efeméride que
lembra a declaración hai máis dun século dos primeiros parques naturais
do continente, en Suecia, e que nesta ocasión conmemorarase baixo o lema
A natureza, boa para a túa saúde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario