Medio Ambiente convoca por máis de 4 millóns de euros as axudas para actuacións de xestión dos residuos municipais
Unha
das novidades da convocatoria, que rexerá no período 2020-2021, é que
por primeira vez se inclúe como subvencionable a compra de vehículos
para a recollida separada da fracción orgánica
Unha das liñas subvencionables busca favorecer a prevención, reutilización e adecuada recollida dos residuos domésticos e a outra, centrarase no tratamento e valorización dos biorresiduos
Os interesados terán un mes a contar desde mañá para solicitalas
Infogauda / Galicia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG a orde pola
que se establecen as bases para a concesión de axudas a entidades
locais para financiar actuacións en materia de residuos de competencia
municipal e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia
competitiva. Trátase dunha orde plurianual que rexerá para o período
2020-2021, cun orzamento global de 4,16 millóns de euros que supera en
máis de tres veces os fondos da anterior convocatoria, dotada con 1,28
millóns.
Entre as actuacións subvencionables cómpre subliñar, como
principal novidade, a adquisición de vehículos para a recollida separa
da fracción orgánica dos residuos municipais. Cómpre ter en conta que os
chamados biorresiduos, cun peso de máis do 40% sobre o lixo total que
se xera nos fogares, teñen que ser recollidos e tratados cunhas
condicións específicas debido ao seu importante potencial para a
elaboración de fertilizantes naturais, de aí a importancia de dispoñer
de vehículos especiais para ocuparse deles.
A nova convocatoria
establece dúas liñas de actuación diferenciadas. A primeira está
destinada a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e
preparación para a reutilización de residuos domésticos, entre as que se
inclúe a adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e
ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos xa
existentes na Comunidade, así como a posta a disposición da cidadanía de
espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios
diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos,...) para conformar
unha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación
para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil dos
materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.
A
segunda liña ten como obxectivo financiar actuacións de prevención,
recollida separada e valorización dos biorresiduos, entre os que se
inclúen proxectos subvencionables como o fomento da compostaxe in situ e
recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, a
partir de contedores, elementos ou medios materias que contribúan a
mellorar a cantidade e calidade deste servizo.
En relación coa
contía das axudas, a nova orde establece dúas novidades significativas
respecto da anterior. Por un lado, increméntanse os importes máximos
previstos das subvencións, que mesmo poderán acadar o 100% dos custos
totais subvencionables. Aí mesmo, unha mesma entidade local poderá
concorrer de xeito simultáneo a varias das actuacións subvencionables,
presentando solicitudes individuais.
Outra das novidades da orde
publicada hoxe é que dá un maior prazo para a execución das iniciativas
subvencionadas, que se estenderá ata o 30 de novembro de 2021, tendo en
conta as necesidades temporais que requiren os trámites para a
contratación pública de certos servizos ou compras deste tipo. Os
interesados teñen un prazo dun mes a contar a partir de mañá para
presentar por medios telemáticos a súa solicitude.
Por último,
cómpre lembrar que esta convocatoria enmárcase dentro do Plan de xestión
de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, conforme ao establecido na
Estratexia Galega de Economía circular 2020-2030 aprobada pola Xunta a
finais do ano pasado.
Complementa, ademais, as actuacións postas
en marcha de dotación de contedores específicos para a fracción orgánica
ou para a recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón ou
vidro, así como o desenvolvemento de proxectos demostrativos de
preparación para a reutilización, implantación da compostaxe doméstica
en áreas educativas e nos grandes xeradores de residuos, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario