Vázquez salienta o papel da paisaxe galega como recurso estratéxico para contribuír ao afianzamento do turismo verde
A
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que preto de
5,1 millóns de persoas visitaron en 2019 Galicia, sendo a primeira
motivación dos que a visitan os recursos naturais e paisaxísticos
A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez
Foto: X.C.
Foto: X.C.
Ángeles Vázquez recorda que o traballo realizado pola Xunta nos últimos dez anos en materia de ordenación do territorio e protección da paisaxe, sumará novos fitos neste ano coa aprobación do regulamento da Lei da Paisaxe, a Estratexia Galega da Paisaxe 2021-2023 e as Directrices de Ordenación da Paisaxe de Galicia
Infogauda / Galicia
A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que Galicia
conta cun recurso estratéxico, como é a paisaxe galega, para contribuír
ao afianzamento do turismo verde na Comunidade, ao tempo que se pon en
valor e se garante a súa preservación.
A conselleira inaugurou as
xornadas en liña Ecoturismo en áreas protexidas, do Centro de Extensión
Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), onde recordou
que a paisaxe é un dos elementos aos que máis importancia concede o
modelo turístico galego e así se reflicte na Estratexia do Turismo de
Galicia 2020, elaborada pola Xunta.
No caso concreto do
ecoturismo, entendido como un motor de turismo sostible, este cobra unha
maior importancia en determinados puntos da xeografía galega, como as
áreas protexidas ou nas Reservas da Biosfera, que son un punto de apoio
para as economías locais.
Defendeu a necesidade de conservar este
distintivo de Galicia, non só polo futuro ambiental e natural dos
recursos, senón tamén porque representan unha fonte de ingresos
sustentables e un reclamo para os preto de 5,1 millóns de persoas que
visitaron en 2019 a Comunidade, sendo a primeira motivación dos que nos
visitan os nosos recursos naturais e paisaxísticos.
Neste sentido,
a conselleira destacou o traballo realizado polo Goberno galego durante
os últimos 10 anos e que se materializa en proxectos e iniciativas como
o Plan de Ordenación do litoral, as Directrices de Ordenación do
Territorio, a Estratexia da Paisaxe de Galicia, o Catálogo das Paisaxes
de Galicia, a Rede de itinerarios de interese paisaxístico, a Guía de
Cor e Materiais de Galicia ou a de Boas Prácticas para a Intervención
nos Núcleos Rurais.
Un traballo que se mantén no presente ano, no
que se aprobará o regulamento da Lei da Paisaxe, a Estratexia Galega da
Paisaxe 2021-2023 e as Directrices de Ordenación da Paisaxe de Galicia,
así como a elaboración de novas guías paisaxísticas que pasarán a formar
parte da Colección Paisaxe de Galicia.
Argumentou que Galicia é
verde, unha cor que se asocia ao medio ambiente e á paisaxe, sexa
costeira, de montaña, chairas ou bosques; un patrimonio natural que
dende 2019 está protexido por lei (a nova Lei de Patrimonio Natural), co
fin de establecer unha protección transversal da riqueza natural galega
e da súa biodiversidade, coa mira posta na conservación e na
sostibilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario