A Xunta de Galicia consensuará co sector turístico un modelo propio que eleve os estándares de seguridade sanitaria por riba da media
Román
Rodríguez sinala que o sistema establecido polo Goberno central pode
xerar desigualdades, promove un sector a dúas velocidades e debilita o
destino
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez
Foto: X.G.
Explica que a Xunta habilitará un programa dotado con 5 M€ e ofrecerá
formación para acompañar ás empresas e traballadores no proceso de
adaptación
Avanza que nas próximas semanas se activará o Fondo
Xacobeo 2021, dotado cun investimento de 1,5 M€ para financiar
iniciativas culturais profesionais
Lembra que a reactivación
destes sectores é un “desafío compartido” e chama ás distintas
administracións a crear sinerxías e traballar conxuntamente
Infogauda / Galicia
Galicia contará cun modelo propio que
permita elevar os estándares de seguridade sanitaria por riba da media,
apostando na saída da crise pola calidade como elemento diferenciador.
Así o avanzou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez,
durante a súa comparecencia na Deputación Permanente para informar sobre
o Plan de Reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos
efectos derivados da crise do COVID-19 aprobado no Consello da Xunta,
unha folla de ruta que contempla preto de 50 medidas cunha dotación de
27 millóns de euros para favorecer a recuperación destas dúas industrias
ao longo dos vindeiros meses.
Durante a súa intervención, o
titular de Cultura e Turismo destacou que garantir a confianza e a
seguridade dos potenciais visitantes é fundamental para a recuperación
do sector turístico. “Galicia, destino seguro é moito máis que un lema. É
unha obriga e unha responsabilidade compartida entre o sector
empresarial e as administracións”, puntualizou. Neste sentido,
considerou que a resposta do Goberno central nesta materia foi
“insuficiente”, ao limitarse a publicar o sábado no Boletín Oficial do
Estado (BOE) unha serie de ordes con indicacións xenéricas para as
diferentes áreas do turismo, e o propio domingo, un día antes da
reapertura, unhas guías con recomendacións específicas para cada
actividade.
Segundo Román Rodríguez este sistema pode xerar
desigualdades entre establecementos e promove un sector “a dúas
velocidades” que debilita a Galicia como destino. Así pois, explicou que
a Xunta acordará co sector establecer protocolos consensuados que
poidan ser asumidos pola totalidade dos establecementos, xerando desta
maneira confianza entre traballadores e usuarios. O Goberno galego
acompañará este proceso cun investimento de 5M€ a través do programa
Galicia, destino seguro, que recolle axudas públicas e formación para os
negocios que precisen acometer actuacións que se deriven da súa
aplicación.
Apostar polo “turismo de autor”
O conselleiro
de Cultura e Turismo aclarou que a folla de ruta elaborada pola Xunta
para a reactivación do sector turístico contempla un total de 24
iniciativas, dotadas con ata 11M€, enmarcadas en catro eixos de
actuación. O primeiro deles céntrase na posta en marcha de accións de
promoción e de activación da demanda, impulsando Galicia como un destino
caracterizado por valores como a seguridade, a saúde ou a
sustentabilidade e no que tamén se apostará por tecer sinerxías entre a
nosa Comunidade e o norte de Portugal.
Neste ámbito recóllense
proxectos como o impulso de Galicia como destino para o turismo de
congresos adaptado á nova realidade. Co obxectivo de financiar preto de
50 eventos no último cuadrimestre do ano, a Xunta publicará mañá mesmo
unha orde de ampliación de prazos dotada con 500.000 euros. O segundo
eixo de actuación, subliñou Román Rodríguez, pasa pola creación de novos
produtos turísticos da man de axentes como os xeodestinos, potenciando o
turismo local, ou a sinatura de acordos coas diferentes entidades
sectoriais para adaptar toda a cadea de valor do sector á evolución do
mercado.
O terceiro vector do plan contempla medidas de apoio ao
sector empresarial e ao mantemento do emprego turístico a través de
accións como o programa Queda en Galicia, polo que se cubrirán os gastos
derivados do financiamento dos produtos mercados en axencias de viaxes e
se priorizará o turismo local e de proximidade, ou o Bono solidario,
que gratificará con paquetes turísticos en Galicia aos profesionais
autonómicos vinculados á loita contra o coronavirus. Por último, o
cuarto eixo pasa por reforzar a formación e a mellora da competitividade
dos negocios, ampliando o Plan de teleformación a cargo do Centro
Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), no que xa participaron máis de
3.000 persoas durante o estado de alarma, ou implementando un sistema
de asesoramento e consulta.
“É un plan que aposta polo turismo de
autor, por un modelo propio”, resumiu o conselleiro, que salientou a
importancia de “apostar polo detalle, a calidade e a confianza do
destino”, tal e como vimos facendo coa nosa capacidade de acollida no
Camiño de Santiago.
Bono cultural compartido
No que atinxe
ao eido cultural, Román Rodríguez destacou que o plan recolle un total
de once medidas dotadas con máis de 10M€ enmarcadas, igualmente, en
catro eixos de actuación. O primeiro deles, explicou, baséase na
activación de todas as industrias culturais a través de distintas liñas
de apoio para sectores como o do libro e as bibliotecas, cunha dotación
de máis de 2,3M€, o sector audiovisual, por máis de 4M€, as artes
escénicas, cun investimento de 1,8M€, así como accións centradas na
música ou as artes plásticas.
O segundo eixo céntrase no
mantemento do emprego cultural na Comunidade a través da creación dun
fondo de proxectos e iniciativas culturais que priorice o mantemento do
tecido empresarial ou a reprogramación das actividades. En paralelo,
apostarase polo fomento do consumo a través dunha campaña de
sensibilización dirixida a toda a sociedade galega ou mediante a
creación dun bono cultural. Precisamente, o titular de Cultura da Xunta
lamentou a “negativa e desinterese” do Goberno central a participar
nesta iniciativa, tal e como Galicia propuxo ao ministro de Cultura y
Deportes, polo que buscará a complicidade das deputacións e concellos da
Comunidade para a súa posta en marcha conxunta.
O cuarto eixo de
actuación baséase no desenvolvemento de medidas de formación,
profesionalización e mellora da competitividade a través dun servizo de
consultoría en liña ou mediante un plan de formación no eido cultural
dotado con preto de 600.000 euros. “Buscamos protexer e apoiar toda a
cadea de valor da produción cultural, fomentar a creación de novas
tipoloxías e formatos adaptados ao novo escenario e apostar pola
formación e a innovación como piares do sector”, enfatizou Román
Rodríguez.
Neste sentido, lembrou que esta estratexia “xorde de
escoitar a centos de profesionais que nos achegaron os seus problemas e
necesidades” e aos que seguirá dando resposta. Ademais, Román Rodríguez
aclarou que o plan está conformado por unha batería de medidas
orientadas ás singularidades destes sectores, que se complementan coas
medidas transversais en marcha ou previstas pola Xunta para o resto de
segmentos económicos de índole laboral, fiscal e financeira, aos que xa
están accedendo empresas e traballadores destes ámbitos.
O Xacobeo máis galego da historia
O
titular de Cultura e Turismo destacou que o plan se completa con doce
medidas centradas na celebración do Xacobeo 2021, por máis de 5,6M€, con
incidencia tanto no eido cultural como o turístico. Entre elas,
anunciou a activación nas próximas semanas dun fondo de proxectos que
inxectará liquidez inmediata nas industrias culturais da Comunidade e
que contemplará axudas de ata 10.000 euros para a posta en marcha de
proxectos dixitais ou presenciais. Do mesmo xeito, fomentarase a compra
de obras de artistas galegos e impulsaranse accións no eido musical como
unha convocatoria de proxectos para este sector por máis de 1M€ ou o
apoio aos ciclos musicais do Xacobeo ou FEST Galicia.
Román
Rodríguez subliñou a importancia deste evento no contexto actual e
apuntou que tras a crise sanitaria provocada polo coronavirus, o éxito
do vindeiro Ano Santo “pasa por un só obxectivo: a recuperación
económica de Galicia”. Para acadalo, avanzou que a Xunta traballa en
construír “un novo Xacobeo, o máis galego da nosa historia sen renunciar
ao seu espírito de universalidade”, que exerza como motor económico dos
sectores cultural e turismo, pero tamén como unha oportunidade para a
promoción e posta en valor da nosa Comunidade no exterior. Neste
sentido, invitou a todas as forzas políticas a sumar esforzos para facer
deste evento “unha oportunidade única para a recuperación de Galicia”.
Agradecemento aos profesionais
Durante
a súa intervención, o titular de Cultura e Turismo avanzou que a
previsión da Xunta é que xa neste mesmo mes se poidan poñer en marcha as
primeiras medidas deste plan, abrindo as primeiras convocatorias e
asinando os primeiros convenios. Lembrou que esta folla de ruta é froito
da colaboración cos distintos do sector aínda que, resaltou, este clima
de cooperación “non pode rematar coa aprobación do plan”. Recordou que a
recuperación da cultura e o turismo galego “é un desafío compartido” ao
tratarse de dous sectores estratéxicos que representan o 13% do PIB
galego e máis de 150.000 postos de traballo.
Deste xeito, subliñou
que é máis necesario que nunca buscar liñas de actuación conxuntas
entre as distintas administracións que permitan evitar duplicidades,
crear sinerxías e concentrar o esforzo económico no impulso do tecido
produtivo e o mantemento do emprego no eido cultural e turístico.
Precisamente, o conselleiro quixo agradecer durante a súa comparecencia o
esforzo dos profesionais destes dous sectores nas últimas semanas. “Son
moitas as persoas e colectivos que demostraron que Galicia estivo á
altura”, valorou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario