Feijóo presenta o plan de reactivación do turismo centrado en facer da comunidade un destino seguro e reinventar un sector clave para a marca Galicia e a economía
Precisa a posta en marcha dunha estratexia de seguridade sanitaria que permita deseñar certificacións que acrediten o cumprimento das medidas e xerar confianza
O presidente do Goberno galego, presentou esta mañá, a través dunha videoconferencia o Plan de
reactivación do turismo
Foto: X.G.
Aposta por reformular a promoción de destino e impulsar novos produtos adecuados ao novo contexto do mercado
Avanza
a creación do Bono Solidario para que as persoas de sectores como o
sanitario e o social poidan desfrutar de hoteis e restaurantes, cunhas
tarifas especiais bonificadas polo sector e incentivadas pola
administración pública
Infogauda / Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, presentou esta mañá, a través dunha videoconferencia na
que participaron máis de 1.000 profesionais do sector, o Plan de
reactivación do turismo centrado en facer da Comunidade un destino
seguro e reinventar un sector clave para a marca Galicia e a economía.
“Afrontaremos
a situación desde a fortaleza e a determinación que tivemos sempre.
Imos retomar a senda de crecemento turístico do país, comprometidos con
que o turismo, que foi clave para recuperarnos da crise de 2008, volva
converterse nun sector clave para recuperarnos da caída abrupta do PIB,
do incremento exponencial do paro, da débeda pública e do déficit
público que se espera”, dixo, incidindo na necesidade do traballo
conxunto para a través de medidas concretas e coordinadas reinventar o
sector.
Co obxectivo de converter Galicia nun destino seguro,
Feijóo precisou que un dos piares deste plan é a posta en marcha dunha
estratexia de seguridade sanitaria para o sector, que permita deseñar
tanto medidas de seguridade e hixiene, coa vista posta na reactivación;
así como certificacións que acrediten o cumprimento destas medidas por
parte dos distintos establecementos para incrementar así a confianza na
Comunidade.
Nesta liña, lembrou que o sector turístico galego
conta unhas bases sólidas para afrontar esta nova situación. Non en van,
Galicia conta con natureza, paisaxe e gastronomía, ademais da calidade
das súas praias e establecementos e do feito diferencial como é o
Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, que ten que seguir sendo unha chave
para activar todo o sector.
Ademais desta estratexia, o plan de
reactivación do turismo contará con outras medidas, 26 en total,
enfocadas a fomentar o emprego, reactivar o consumo e xerar liquidez.
Así,
e dentro do ámbito de Galicia como destino seguro, o titular da Xunta
destacou un investimento de 6 millóns de euros para reformular a
estratexia de promoción de destino; xerar novos produtos turísticos
adecuados ao novo contexto do mercado; e adaptar o sector ao novo
paradigma, adaptando os establecementos aos requisitos esixidos polos
protocolos e favorecendo a adquisición de equipamentos e a preparación
de espazos.
Por outra banda, o titular da Xunta destacou a posta
en marcha dun programa de consultoría online para asesorar e axudar a
identificar medidas personalizadas para cada área de negocio. Ademais de
apostar pola formación e a competitividade.
Turismo local e de proximidade e un Bono solidario
Durante
o encontro, Feijóo incidiu tamén en que o turismo local e de
proximidade será clave. Ao respecto, destacou a posta en marcha do
programa Queda en Galicia, para desfrutar de todos os recunchos que
ofrece a Comunidade.
“Crearemos tamén un observatorio para a
innovación e a sustentabilidade turística e estamos a traballar xa na
creación dun Bono solidario para as persoas de sectores como o sanitario
e o social”, avanzou, para que, cunhas tarifas especiais bonificadas
polo sector e incentivadas pola administración pública, poidan desfrutar
de hoteis e restaurantes, entre outros servizos.
Así mesmo,
destacou a necesidade de potenciar o traballo con xeodestinos e
entidades locais e a busca de acordos con entidades financeiras para que
complementen esta aposta pola economía e polo sector turístico.
“En
definitiva, estamos a falar da creación de protocolos e certificados en
materia hixiénico-sanitaria; do reforzo da marca Galicia e a
potenciación dos nosos atributos referenciais; da aposta pola formación e
a innovación; do impulso de novos produtos enfocados ao novo escenario;
e de realizar campañas de promoción distintas”, explicou, a modo de
resumo.
Logo de resaltar que as medidas, consensuadas co sector,
poñeranse en marcha desde este mesmo mes de maio, Feijóo recordou que
estas iniciativas inclúense dentro do plan aprobado polo Consello para a
recuperación dos sectores cultural e turístico, dotado con 27 millóns
de euros.
Demanda dun paquete laboral específico para o sector
O
titular da Xunta concluíu incidindo en que España non se vai reactivar
economicamente se o turismo non ten unha peza separada tanto desde o
punto de vista legal, como desde o punto de vista laboral. “Somos un
país turístico por excelencia e perderíamos unha gran oportunidade se
despois de décadas construíndo este destino, España, e este destino,
Galicia, pensaramos que o turismo é simplemente un sector máis da nosa
economía”, dixo, asegurando que, ademais dun paquete económico, dun
paquete social e dun paquete estratéxico para o sector turístico,
necesítase un paquete laboral específico para este sector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario