As mellores mensaxes de Lingua de Namorar 2020 xa teñen premio
“Retórica” (Nee Barros, Marín), “Primavera” (Ana Loureiro, Caldas de Reis), “Ao altar” (María Femenías, Foz), “Ataraxia” (Leticia Cid, San Cibrao das Viñas), “Un vinilo dos Dire Straits” (Denís Vicente, A Guarda) e “Fuxitivas” (Silvia Pérez, A Guarda) fixéronse cos galardóns da novena edición
Os seus traballos impuxéronse no conxunto dos 219 que foron votados por
566 internautas neste certame co que Xuventude, Participación e
Voluntariado e mais Política Lingüística queren dinamizar o uso do
galego na xente nova
Infogauda / Galicia
As mellores mensaxes do certame de declaracións de amor en galego na
rede, Lingua de Namorar, promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de
dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e
en internet, xa teñen premio.
O xurado da nova edición, reunido
por videoconferencia, ditaminou os galardóns, que recaeron na primeira
categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) nos traballos Retórica
(1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra acumula xa catro
distincións consecutivas neste concurso desde 2017), Primavera (2º
premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar
(3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).
Na categoría B (de
20 a 35 anos), recaeron en Ataraxia (1º premio, para Leticia Cid, de
San Cibrao das Viñas, Ourense), Un vinilo dos Dire Straits (2 premio,
para Denís Vicente, da Guarda, Pontevedra) e Fuxitivas (3º premio, para
Silvia Pérez, tamén da Guarda, Pontevedra).
Participaron no xurado
–presidido pola escritora Rosalía Morlán– Hugo Lozano e Nerea Pallares,
gañadores dos 1º premios Xuventude Crea 2019 nas modalidades de Poesía e
Relato Breve, respectivamente; Alicia Padín, en representación da Rede
de Dinamización Lingüística; Nancy Domínguez, en representación da Rede
Galega de Información Xuvenil; Ángela Fernández, en representación da
Consellería de Política Social, e Beatriz Corral, en representación da
Consellería de Cultura e Turismo.
Premios e mensaxes musicadas nos webs
A
entrega de premios prevista nas bases terá lugar cando as
circunstancias motivadas pola evolución epidemiolóxica do COVID-19 a
permitan celebrar en condicións de seguridade.
Tanto as mensaxes
gañadoras coma as outras 213 que concorreron aos premios, e que votaron
566 internautas, están dispoñibles no web www.xuventude.xunta.gal e no Portal da Lingua Galega.
Nos devanditos webs tamén están dispoñibles seis vídeos nos que Xermán
Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na modalidade de Música,
lles pon voz e melodía aos seis traballos gañadores de Lingua de
Namorar 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario