12 de maio de 2020

COOPERACIÓN TRANSFRONTEIRIZA

O AECT MINHO CONSIGUE O COMPROMISO DO DELEGADO DO GOBERNO DE INTERCEDER ANTE OS MINISTERIOS DE SANIDADE E INTERIOR PARA ABRIR MÁIS PASOS NA FRONTEIRA DO MIÑO  

· O director da agrupación europea, Uxío Benítez, manifestou a súa satisfacción pola “dilixencia” de Javier Losada e criticou que Feijóo aínda non teña contestado á solicitude de reunión urxente  

· O nacionalista afirma que solucionar a problemática “é clave para Galiza” xa que nos concellos da ribeira do Miño “viven 150.000 cidadáns e cidadás europeos e na área de influencia 400.000”

Nese encontro, ademais de Benítez estivo presente o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira, así como o secretario xeral da Delegación do Goberno en Galicia
Fotos: D.PO.


Infogauda / O Baixo Miño  

 O director do AECT Rio Minho e deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez Fernández, manifestou a súa “satisfacción” trala reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a quen trasladou a petición da apertura de máis pasos na fronteira de Portugal para aliviar a situación de milleiros de traballadores e traballadoras que só poden cruzar a ‘raia’ polo paso de Tui-Valença do Minho e realizan rodeos de ata 100 quilómetros. O delegado comprometeuse a interceder para solucionar a problemática, dixo Benítez, e agora é necesario ver como se resolven os trámites.
  

Javier Losada, delegado do Goberno central en Galicia, no decurso do encontro celebrado no día de hoxe


 No encontro telemático, Javier Losada afirmou que remitirá no día de hoxe un informe ao Ministerio de Sanidade -que capitanea o mando único no Goberno central durante a crise da pandemia-, e tamén ao Ministerio de Interior -responsable do control das fronteiras-. Nese documento, solicitarase ao Executivo madrileño que abra novas vías de conexión co país veciño e que teña en conta a problemática e particularidade da fronteira do Miño, a máis poboada e dinámica entre España e Portugal. Nese sentido, o deputado Benítez destacou que só os concellos da ribeira teñen máis de 150.000 habitantes, ampliándose ata 400.000 na área de influencia, “cidadáns europeos que viven na mesma fronteira do río e que teñen o problema de que teñen pechados os pasos fronteirizos”, lembrou.   

 Nese encontro, ademais de Benítez estivo presente o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira, así como o secretario xeral da Delegación do Goberno en Galicia. O AECT comprometeuse a enviar toda a información da que dispón para xustificar a súa solicitude, principalmente o avance do estudo realizado pola Universidade de Vigo sobre o impacto socioeconómico do peche da fronteira, e un dossier sobre as casuísticas singulares que viven traballadores e traballadoras da zona. Esta documentación sumarase á xa remitida a finais de abril, coa declaración de todas as alcaldesas e alcaldes do territorio transfronteirizo, que xa entón solicitaban a apertura da fronteira e a coordinación entre os gobernos centrais de Madrid e Lisboa.  

 Así mesmo, o AECT trasladará tamén á Delegación do Goberno todos os pasos que vaia dando o Goberno portugués co fin de chegar a unha solución consensuada e coordinada. Nestes momentos, segundo Losada manifestou á directiva do agrupamento transfronteirizo que aínda non hai ningunha data oficial marcada para a reapertura xeral da fronteira. 

O director do AECT Rio Minho e deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez Fernández, no encontro telemático de hoxe


 Tras finalizar o encontro, Benítez manifestou a súa satisfacción pola rapidez coa que o delegado “nos deu a cita, a atención que nos prestou, e a dilixencia coa que vai remitir o informe”. Pola contra, foi crítico co presidente da Xunta, tamén presidente da Comunidade de Traballo Galiza e Norte de Portugal, ao que se lle fixo tamén o pasado sábado unha solicitude de reunión dende o AECT: “Non entendemos que non teña contestado á solicitude de reunión urxente, porque entendemos que esta problemática é clave para Galiza”, subliñou Benítez.  

 A Universidade de Vigo, hai que lembrar, realizou un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 a instancias do AECT e da Deputación de Pontevedra no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario