O concello destinará máis de 130.000 euros a un plan de choque para a reactivación económica da vila
• O equipo de goberno decide dotar unha partida orzamentaria que estará dirixida a amortecer os efectos socioeconómicos do COVID-19, e que arranca coa posta en marcha dunha plataforma de venda online dirixida a comercio e hostalaría
Captura de pantalla dunha recente xuntanza telemática do alcalde de A Guarda Antonio Lomba Baz e membros da Xunta de Goberno Local
Foto: C.A.G.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado mes de marzo, e tan só 10 días despois do anuncio do estado de alarma, o Concello de A Guarda anunciaba un primeiro paquete de medidas económicas, que foi seguido por un segundo paquete durante o mes de abril, ao que se sumou fai uns días a exención do pago de terrazas para establecementos hostaleiros. A través destas medidas pretendíase minimizar, na medida do posible, o impacto negativo desta crise na economía da veciñanza e das empresas na súa relación coa administración local.
"A estas alturas da pandemia, e en pleno proceso de desescalada, desde o consistorio guardés temos claro que debemos poñer todos os nosos esforzos de cara á recuperación e reactivación económica local. Por este motivo levarase a cabo unha importante aposta a nivel de recursos municipais e valerémonos, nesta difícil tarefa, do apoio dunha empresa consultora especializada no deseño e posta en marcha de plans de dinamización turística e comercial a nivel municipal", adiantaron desde o Goberno municipal.
"Unha das principais medidas na que levamos traballando fai unhas semanas, e que temos previsión de que comece a funcionar a partir de mediados de maio, sería unha plataforma de venda en liña, que poderá ser utilizada por comerciantes e hostaleiros da localidade e que pretende relanzar as vendas nestes sectores, especialmente castigados polo coronavirus.
Preténdese crear un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario que desexen vender os seus produtos, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.
De xeito paralelo porase en marcha unha campaña de sensibilización para o consumo no comercio local que estamos ultimando nestes días. Sabemos que A Guarda é un pobo solidario que sabe estar á altura das circunstancias, e estamos seguros/as de que a cidadanía quere un pobo con rúas cheas de vida e estará a carón do comercio e a hostalaría local nestes duros momentos.
O próximo xoves 14 de maio trasladaremos con maior detalle todas estas iniciativas á Mesa Local de Comercio á que foron convocadas as persoas representantes das asociacións de comerciantes e empresarios/as (ACIGU, Mercado do Reló, AGUDE e Mercaguarda), a Asociación de Consumidores Aldraman, así como os portavoces dos grupos municipais, e na que poderemos recoller as súas inquedanzas e propostas respecto a esta situación nunca antes vivida", concluiron desde o executivo municipal que preside Antonio Lomba Baz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario