En aras de facilitar a recuperación do sector da hostalería, un dos máis castigados polo COVID-19
O concello solicita a Portos de Galicia e Costas do Estado a anulación da taxa de terrazas do ano 2020
Unha das terrazas da rúa do Porto, na vila de A Guarda
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Diante
da situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia orixinada
polo virus COVID-19 que está a provocar graves prexuízos para a
economía, e por conseguinte, para o emprego e o desenvolvemento social; o concello de A Guarda está tomando unha serie de medidas para contribuir á recuperación da actividade productiva, entre elas está a anulación da taxa
de terrazas ao sector hostaleiro.
Nesa liña de actuacións, a Corporación Municipal do Concello de A Guarda aprobou, no pleno extraordinario e urxente celebrado o pasado día 5 de maio, unha modificación da ordenanza fiscal de ocupación por terrazas. A nova redacción conleva a anulación da taxa por instalación de mesas e cadeiras en solo de competencia municipal. Dese xeito, durante este ano 2020 o concello non gravará aos bares e restaurantes coa devandita taxa de terrazas.
Ademais o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, adquiriu o compromiso de ampliar a superficie das terrazas de competencia municipal alí onde fora posible, recurrindo incluso a peonalización dalgunhas rúas se houbera demanda por parte dos establecementos.
Dado que un bo número de terrazas atópanse en solo de competencia de Portos de Galicia e algunha de Costas do Estado, o alcalde dirixiu sendos escritos ás dúas administracións solicitando que de forma excepcional, durante o ano 2020, adopten as mesmas medidas que xa tomou o concello, en aras de facilitar a recuperación do sector da hostalería, un dos máis castigados pola crise.
Ningún comentario:
Publicar un comentario