Areeiro aconsella renovar a protección das viñas con funxicidas ante o desenvolvemento do mildio
O centro dependente da Deputación de Pontevedra recomenda ás persoas viticultoras que nas xornadas seguintes ao tratamento vixíen as viñas se a aplicación se fixo con algo de vento ou humidade nas follas
Acio con mildiu
Foto: EFA
Infogauda / Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica Areeiro,
centro da Deputación de Pontevedra, ven de lanzar un novo aviso
fitosanitario no que advirte que a climatoloxía deste mes está sendo moi
favorable para o desenvolvemento do mildio e pode desencadear
contaminacións nas viñas de xeito continuado, feito ao que se une a
limitación para facer os tratamentos nos momentos previstos debido ás
precipitacións, vento ou outros factores. Por esta razón e ante a
previsión de novas precipitacións, que reducen o período de protección
teórico dos produtos empregados, así como de temperaturas moi elevadas,
Areeiro recomenda renovar a protección das viñas (salvo aquelas persoas
viticultoras que o teñan feito na última semana) con funxicidas que, se é
posible, teñan acción preventiva, curativa e antiesporulante, así como
utilizar un mollante para mellorar a adherencia e a distribución do
caldo na planta.
Ademais das viñas da rede que se están a
visitar neste estado de alarma, o persoal de Areeiro tamén incluíu esta
semana outras atopadas no seu percorrido, nas que constatou a presenza
dos síntomas do mildio (en todas as viñas había algún novo) pero
diferente en canto á súa incidencia. Neste senso, algunhas viñas apenas
tiñan un par de manchas novas sen síntomas en acio, mentres que outras
estaban relativamente afectadas, con plantas con varias manchas novas
con frutificación, zonas de avance nos síntomas antigos e xa síntomas en
acio. Tamén se observaron viñas abandonadas, de variedades pouco
sensibles, con presenza de síntomas, o que non sucedería se as
condicións non foran especialmente favorables á enfermidade.
Na
súa recomendación, a EFA recomenda ás persoas viticultoras que nas
xornadas seguintes á aplicación do tratamento revisen as viñas, en
especial se o fixeron con algo de vento, con humidade nas follas ou se
choveu ao pouco de finalizada. En todos os casos aconsella extremar a
vixilancia.
Doutra banda, o aviso referiuse tamén a outras enfermidades das viñas, como o oídio, do que Areeiro sinala que non se observaron síntomas nas fincas visitadas a pesar de non ter dado ningún tratamento, ou o black-rot,
do que tampouco se apreciaron cambios na intensidade dos síntomas.
Aínda así, a Estación Fitopatolóxica recomenda manter a vixilancia e, se
se renova o tratamento fronte ao mildio e hai historial de problemas de
black rot, se aplique unha materia activa con efecto tamén fronte a
este outro fungo.
No que atinxe á botrite, a
EFA non observou síntomas, e tamén as lesións nas plantas provocadas
polo pedrazo de primeiros de mes ou polos ventos que hai en ocasións
apareceron libres da frutificación do fungo. Neste caso aconsella
igualmente manter a vixilancia debido ás previsións de humidade alta e
temperaturas moderadas, que son favorables ao fungo.
Por último, ademais de haber capturas de couzas do acio (aínda que sen importancia), continúa a haber presenza de erinose nalgunhas viñas, pero Areeiro destaca que a climatoloxía non resulta favorable ao desenvolvemento destes animais.
O aviso fitosanitario advirte tamén sobre enfermidades doutros
cultivos. Así, apunta que a climatoloxía tan húmida destes días pode
propiciar a aparición de bacterioses no caso do kiwi, e
por iso a vixilancia nesta época de prefloración debe ser constante
para manter as plantas protexidas, cando menos naquelas parcelas onde a
enfermidade estivera presente en anos anteriores.
Na maceira,
nesta semana detectáronse as primeiras manchas de moteado. Por esta
razón, Areeiro recomenda renovar en canto se poida os tratamentos, pois a
meteoroloxía prevista seguirá a ser favorable, salvo que se teña
aplicado recentemente un funxicida sistémico ou un penetrante.
No caso das froiteiras de óso,
continúan a aparecer síntomas de diversos fungos patóxenos tamén nestas
árbores, ou a agravarse no caso de que xa os houbera, polo que tamén se
recomenda manter as plantas protexidas.
Doutra banda, no que atinxe ao buxo, o aviso apunta que non é momento de risco para a praga da Cydalima perspectalis, pero que aínda quedan algunhas eirugas (poucas) en plantas de zonas máis abrigadas.
O aviso da Estación Fitopatolóxica alerta así mesmo que no caso de
cultivos como os pequenos froitos, o kiwi, amorodo, froiteiras de óso ou
figueira, a mosca Drosophila suzukii pode danar as froitas
destas plantas, polo que é conveniente ter instaladas trampas de captura
para reducir a presenza de adultos e evitar que poñan ovos nas froitas
nos casos nos que se estean a formar. Estas trampas poden adquirirse ou
ben fabricarse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2
litros) ás que se deben realizar orificios de ao redor de 5 mm nos
laterais para verter vinagre de mazá. Son non selectivas, polo que
capturarán máis insectos.
Hai que lembrar que mentres
permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os
percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de
seguimento habitual, que está formada polas parcelas de
seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e
os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que,
aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca,
recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario