A Deputación de Pontevedra ofrece un gran pacto na provincia para coordinar coas administracións competentes o camiño da desescalada
Carmela Silva: "É unha obriga que sumemos sinerxías e traballemos de forma coordinada. Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar"
Carmela Silva - a dereita da imaxe - presidiu a reunión telemática cos concellos da provincia
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
Na primeira reunión telemática cos alcaldes e alcaldesas da
provincia dos concellos de menos de 20.000 habitantes, a presidenta da
Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu "un gran pacto na
provincia coas administracións competentes para poder das resposta ás
fases da desescalada, sumando sinerxías, a fin de que as entidades
locais fagan o que mellor saber facer: atender a súas veciñanzas".
A presidenta provincial, acompañada do Vicepresidente César Mosquera,
comunicou aos 46 alcaldes e alcaldesas que participaron no encontro
virtual, que se dirixirá á Xunta de Galicia e ao Estado, a través da
Delegación do Goberno, para traballar de forma colaborativa, cada
administración coas súas competencias, para tomar decisións que sumen.
"Non se trata de ver quen corre máis, trátase de acertar", dixo Silva.
"Sería un erro gravísimo que cada un de nós tome as súas medidas, o seu
plan, polo que fago un chamamento a que sumemos, e a traballar de forma
coordinada. É unha obriga, engadiu, porque a xente non perdoaría que non
colaboremos. Nunca é hora de confrontar pero agora menos. Non ter esa
mirada –dixo- é non entender nada". Silva tamén avanzou que cre
necesario que o presidente da Xunta convoque ás Deputacións. "É
fundamental que nos coordinemos. Que teñamos unha folla de ruta clara,
atendendo ás competencias de cada administración, e sumando esforzos
cara á cidadanía".
Nesa liña de traballo, a presidenta da
Deputación comunicou aos concellos que o goberno provincial estuda a
posibilidade de reorientar o orzamento e modificar o Plan Concellos.
"Trataríase, sinalou, de ter recursos para as novas necesidades, polo
que estamos a avaliar poder destinalos a aquelo que a crise esixa".
Silva avanzou que formulará estas propostas á oposición para buscar o
consenso e, do mesmo xeito, comunicou a súa intención de volver a
convocar aos concellos xa de forma comarcal. A presidenta fixo un
recoñecemento aos gobernos e oposicións de todos os concellos: "síntome
moi orgullosa, de todos e todas, estades a facer un traballo
excepcional".
Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera,
apelou á cautela e a solidariedade nas actuacións das administracións e
sumouse ás palabras da presidenta para facer un recoñecemento ao PP "que
está a ser un exemplo de como se colabora para saír adiante nunha
situación como esta". En relación ás medidas impulsadas, Mosquera
destacou que se basearon no principio de prudencia, "porque non se sabe o
que vai pasar, se as administracións locais imos ter menos recursos que
hoxe ou máis". Neste eido e en relación aos recursos aportados, o
vicepresidente destacou que "rascamos todo o que puidemos rascar pero
sen comprometer a capacidade de reacción dentro duns meses, porque igual
vén outra oleada ou a actividade económica non remonta".
Na
reunión, Silva detallou a situación de desenvolvemento das liñas de
axudas, medidas, e programas destinados aos concellos que a Deputación
activou ao fío da crise o que supuxo ata o momento poñer a disposición
dos municipios preto de 30 millóns de euros. A presidenta confirmou que
os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes acolléronse á liña de
axudas extraordinarias polo Covid, ás axudas de emerxencia e ao adianto
do Plan de Servizos Comunitarios Básicos e SAF, cun importe total de
máis de 4 millóns de euros. Igualmente, a Deputación segue a tramitar
as peticións dos concellos do anticipo do Fondo de Liquidez de ORAL,
dotado con 21 millóns, ou as modificacións da Liña 2 do Plan Concellos
para poder destinar eses cartos aos gastos ocasionados pola pandemia. Á
vez, a institución adiantou as subvencións aos municipios e segue a
tramitar as obras solicitadas. Tamén se falou da prórroga do Plan
DepoRemse que supón 31 proxectos financiados nos concellos, e dos prazos
do Plan de Reequilibrio, "xa que temos que mover a economía porque a
obra pública ten que ser unha das saídas desta crise". A presidenta
agradeceu o esforzo dos concellos para adaptarse a realidade telemática,
xa que son máis de 44 municipios os que están a celebrar as súas
sesións colexiadas coa plataforma gratuíta da Deputación.
Cara á
necesaria reactivación do Turismo, Silva informou do estudo de impacto
encargado pola Deputación que será a folla de ruta para o Plan de
Recuperación na provincia, e da elaboración do novo Plan Estratéxico. A
presidenta informou aos alcaldes e alcaldesas que "de forma inmediata
poremos en marcha a formación para o persoal das oficinas de turismo
cara aos novos protocolos de funcionamento para a súa apertura". De
igual forma, emprazou a reunións conxuntas aos concellos que teñen
festas de interese turístico, e a aqueles con emprazamentos dos
festivais de cine e dos Rías Baixas Fest, "para traballar conxuntamente
no camiño xa acordado coas promotoras y empresas organizadoras para
reorientar os eventos". A promoción convértese tamén nunha das áreas de
traballo colaborativo na liña marcada pola Deputación con campañas como
"Viaxa mañá" ou #21Days21Destinations. Silva anunciou ademais que se
dirixirá ao conselleiro de Turismo para manter unha xuntanza "que sume
esforzos e dinámicas de traballo". Tamén informou aos concellos das dúas
novas iniciativas que se porán en marcha: unha campaña de apoio ao
produto de proximidade para potenciar o consumo local coa gastronomía
como fío condutor; e unha segunda orientada á dinamización do comercio
local de forma diferenciada por comarcas, amais da inminente posta en
marcha da aceleradora de comercio.
A aposta polas persoas máis
vulnerables coas medidas do reforzo da teleasistencia, o adianto das
axudas sociais, foi outro dos temas tratados, así como ás orientadas aos
sectores produtivos. A axilización dos pagos para inxectar liquidez e
as actuacións de Smartpeme cunha ducia de iniciativas e plans de
continxencia destinados a persoas autónomas, emprendedoras e pemes son
liñas da Deputación, así como o adianto das axudas á pesca e ao sector
agrogandeiro no que se traballa en novas medidas de apoio. Igualmente
anunciouse a activación dun novo programa de asesoramento personalizado
ás empresas, a fin de facilitarlles toda a información de axudas, ERTES e
medidas do estado para que teñan acceso, capacidade e facilidade a
estes recursos.
Pola súa banda, as alcaldesas e alcaldes que
participaron coincidiron na necesidade de axilizar os procedementos e de
ter ferramentas para evitar a burocracia excesiva e de adaptación á
nova realidade, amais de concordar na esixencia de sumar sinerxías e
traballar de forma coordinada. Igualmente, solicitan cambios na Lei de
Contratación e nas normas de Facenda para facilitar a actuación dos
concellos, e instan á Xunta a facilitar axudas directas a sectores como a
hostalería e o comercio, así como ao Estado a opción de poder utilizar
remanentes e superávit. Por outro lado, piden á Consellería de Sanidade
que lles remita, dentro da confidencialidade, os datos sanitarios en
cada concello para poder tomar decisións, e cara ao turismo e impulsar o
rural como espazo de oportunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario