#COVID-19
A Deputación de Pontevedra prorrogará case un ano o prazo para rematar as obras do Plan DepoRemse na súa aposta de máxima colaboración cos concellos
Carmela Silva: "Estamos a vivir unha situación extraordinaria e a Deputación está decidida a reforzar aínda máis a súa alianza cos municipios, que son a verdadeira vangarda territorial da loita institucional contra a pandemia"
Pazo da Deputación Pronvincial de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra aprobará na sesión do seu primeiro Pleno telemático da historia, prevista para o próximo día 24, a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) pola que se prorrogará o prazo para o remate das 31 obras previstas nos concellos, por un importe total de 11 millóns de euros. Este plan supón un dos maiores impulsos para a obra pública na provincia.
A presidenta provincial, Carmela Silva, explicou esta medida "na convicción de que estamos a vivir uns momentos históricos e dunha complexidade extraordinaria, polo que as administracións deben traballar xuntas, sumando esforzos, para facer todo o posible para protexer a saúde das persoas e, en segundo lugar, procurar que a economía se resinta o menos posible. A obra pública é un sector especialmente sensible polo seu peso na xeración de emprego. Ao mesmo tempo, o apoio aos concellos forma parte do modelo que representa a nova Deputación, polo que ante a actual crise só cabe reforzar a alianza co mundo local". A presidenta cualificou os municipios como "a verdadeira vangarda territorial na loita institucional contra a pandemia, polo que, ante este escenario que nos toca vivir, non imos consentir que nin unha soa obra financiada pola Deputación deixe de executarse por razóns administrativas".
O acordo, que será sometido a votación no Pleno telemático do día 24, consiste nunha prórroga de 11 meses do prazo de execución das obras. A data límite actual estaba fixada no 30 de xuño deste ano e agora adiaríase ao 31 de maio de 2021. Ao mesmo tempo, o prazo de xustificación administrativa continuará a ser de catro meses desde o remate da obra, polo que pasaría ao 30 de setembro de 2021. Carmela Silva explicou que a Deputación aposta polo "máximo legal permitido" en materia de subvencións co obxecto de despexarlles incógnitas aos concellos. "Un acordo - continuou - que tamén vai ser positivo para a veciñanza destes 31 concellos, pois en todos os casos trátase de obras moi necesarias e que van mellorar a calidade de vida". Neste sentido lembrou que todos os proxectos foron seleccionados, en concorrencia competitiva, por persoal técnico provincial e atendendo sempre a criterios de mellora da seguridade viaria e de humanización dos espazos públicos.
Os concellos beneficiarios do Plan DepoRemse son Bueu, Moraña, Barro, Poio, Campo Lameiro, As Neves, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Crecente, Covelo, Ponteareas, Silleda, Vila de Cruces, Fornelos de Montes, Baiona, A Guarda, Ribadumia, A Illa de Arousa, Catoira e Cangas e Moaña (que presentaron senllos proxectos coordinados entre os dous municipios). De entre todos eles, Barro, A Cañiza, Catoira, Covelo, A Illa de Arousa, Ribadumia, Salceda de Caselas e Silleda teñen rematadas as súas actuacións. Tamén están en execución, en distintos graos de madurez, os proxectos de Baiona, Bueu, Campo Lameiro, Cuntis, Crecente, Grove, A Guarda, Fornelos de Montes, Moaña, Mondariz, Moraña, Neves, Poio, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa. En fase de licitación están os proxectos de Ponteareas, Pontecesures e O Porriño; e, finalmente, pendentes de iniciar o expediente de contratación están Cangas e Meaño.
En canto á tipoloxía dos proxectos, todos teñen en común a mellora da seguridade viaria nos seus termos municipais. Así, Moaña e Cangas compartiron a implantación do eixe de mobilidade amable e segura entre os seus centros urbanos. En Bueu optouse pola reurbanización integral da rúa da Pedra. En Moraña trabállase na mobilidade viaria no contorno dos centros culturais e educativos da Chan de Amil. En Barro, na seguridade viaria en lugares do municipio. En Poio, na adaptación integral no contorno da Seara. En Campo Lameiro, na peonalización da rúa José Antonio e na conexión da Casa do Concello coa Chanciña. Nas Neves, na reforma da rúa Rosalía de Castro. En Salvaterra de Miño, nos pasos sobreelevados en vías municipais. Na Cañiza, na humanización do contorno do colexio de Educación Infantil e Primaria. En Crecente, na accesibilidade nos accesos ao colexio, a residencia de maiores e o centro de saúde. En Covelo, na mellora de estradas municipais. En Ponteareas, na integración urbana do contorno da piscina, o centro deportivo e o centro de saúde. En Silleda, na adaptación do contorno do centro de saúde e a residencia de maiores. En Vila de Cruces, na mellora da seguridade no contorno do colexio, a escola infantil e o polideportivo municipais. En Fornelos de Montes, na reurbanización da praza da Igrexa e as rúas das escolas. En Baiona, na reforma da rúa Real de Sabarís. Na Guarda, na mobilidade segura nas rúas Vigo e Celta. En Ribadumia, na adaptación dos accesos á escola infantil, o colexio Julia Becerra, o pavillón polideportivo e o campo de fútbol da Bouza. Na Illa de Arousa, na reforma do contorno do centro de saúde. Finalmente, en Catoira estase a mellorar a seguridade das vías das parroquias de Abalo, Catoira e Dimo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario