14 de abr. de 2020

GALICIA

A Xunta de Galicia subministrará a prezo de custo máscaras e guantes a empresas e autónomos dos sectores esenciais que así o soliciten  

A Administración autonómica encargarase da subministración ante a imposibilidade de que moitas pequenas e grandes empresas poidan conseguir material de protección polos seus propios medios no mercado

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu a quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop)
Foto: X.G.


As máscaras serán facilitadas ao mesmo prezo ao que as adquira a Xunta  

Proporase ao Goberno central abrir restaurantes de garda para garantir as necesidades alimentarias dos traballadores de servizos esenciais  

Tamén se acordou que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño

Infogauda / Galicia

  A Xunta de Galicia subministrará máscaras e guantes ás empresas e os autónomos que o soliciten, ante a imposibilidade de que moitas delas poidan conseguir o material de protección necesario no mercado e a un prezo adecuado. De feito, o material será facilitado ao mesmo prezo que o adquira a Xunta.
 Así se acordou hoxe na quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Segundo se avaliou no encontro, o reparto de material de protección chegará a sectores como o alimentario e as distribuidoras, a metalurxia, a construción, a enxeñería, a madeira, a pizarra e o granito, as enerxías renovables, as cooperativas agrarias, os call center, autónomos e comerciantes.
 Deste forma, a Xunta vai facer “de paraugas protector” para que se poida seguir traballando “cumprindo con todas as garantías sanitarias” ao facilitar material do que “segue habendo necesidade”. Esta mesma tarde manterase un encontro por videoconferencia cos clústers e asociacións que representan aos sectores beneficiados pola medida para detallar con eles o sistema de distribución máis axeitado.
Ademais deste acordo relativo á subministración, outro dos temas que centrou a reunión de hoxe foi a necesidade de ofrecer unha alternativa de restauración aos traballadores dos servizos esenciais. Tal e como sinalou o vicepresidente, “a xente que se despraza ao traballo precisa un lugar para poder comer. Por suposto, con todas as garantías sanitarias”.
 Por iso, o Cecop proporá ao Goberno central abrir determinados establecementos de hostalería para cubrir estas necesidades, “igual que se fixo coas prazas hoteleiras”. A apertura destes restaurantes de garda faríase previa solicitude e para atención exclusiva destes colectivos, sempre mantendo as medidas de protección, como garantir a distancia interpersoal e establecer un sistema de reserva previa para evitar aglomeracións, así como as quendas necesarias.
 Nesta mesma liña, na reunión de hoxe, deuse traslado á Federación Galega de Municipios e Provincias da petición das principais federacións de transporte de mercadorías de Galicia para que concellos e deputacións acondicionen provisionalmente equipamentos públicos para o descanso, aseo e avituallamento dos profesionais do transporte público, que están a prestar un servizo esencial. Na proposta, solicítase a colaboración activa cos profesionais do transporte, habilitando, polo menos nos accesos das áreas metropolitanas das 7 grandes cidades -agás en Ourense, onde a Deputación provincial xa presta este servizo-, recintos de titularidade pública acondicionados de modo excepcional e provisional para estes traballadores.
 En canto á Administración de Xustiza, o Cecop abordou hoxe a decisión do Ministerio de Xustiza que vén de determinar que, a partir do próximo mércores, terán que acudir un mínimo de traballadores a todos os órganos e servizos xudiciais de cara a unha eventual reactivación deste servizo cando así sexa determinado polas autoridades sanitarias. Isto suporá en Galicia que acudan de xeito presencial uns 720 funcionarios, o que supón ao redor dun 26% do total (actualmente, a porcentaxe era do 10%). Ante esta nova resolución, o Ministerio de Xustiza comprometeuse a realizar tres envíos de material con 13.000 máscaras, 26.000 pares de guantes e 2.000 botes de hidroxel: material que será pagado na súa totalidade pola Xunta, cun importe de 40.000 euros.

Apoio aos autónomos

 O apoio aos autónomos durante esta crise sanitaria é tamén unha das prioridades da Xunta. Nesta liña, o Cecop aprobou solicitar á Administración central que se fagan as xestións necesarias para que en todas as axudas que poidan participar como beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que estean dadas de alta no réxime especial de autónomos se fagan extensivas aos colexios profesionais que cotizan a través de mutualidades, que non están sendo considerados como beneficiarios polas liñas de axudas da Administración estatal.
 Tamén se acordou que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño. Deste xeito amplíase a orde que estaba marcada ata finais deste mes. Ademais, ao manterse pechada a rede de oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego, amplíanse os servizos que están a disposición da cidadanía para a súa atención de maneira tanto telefónica como telemática e para a realización dos trámites urxentes. En concreto, habilítase un novo formulario web para a tramitación de altas iniciais e amplíanse os servizos para a reactivación da demanda a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia.
 Outro dos impactos da pandemia do Covid-19 é o incremento exponencial dos residuos sanitarios, que deben ser tratados nunhas instalacións específicas. Ante o aumento, o Complexo Medio Ambiental de Sogama en Cerceda está preparado tecnicamente para recibir os residuos sanitarios, de ser necesario, e valorizalos; co fin de evitar que ese material se converta nun problema a maiores para o sistema de saúde pública.
 A maiores, na reunión de hoxe aprobouse o modelo de autorización de desprazamentos que deberán utilizar os propietarios forestais para vender a súa madeira á industria. Así, no documento quedará acreditado que a actividade forma parte da cadea de abastecemento imprescindible para o correcto desenvolvemento das actividades industriais manufactureiras e/ou enerxéticas, consideradas esenciais durante o estado de alarma. O modelo de autorización estará dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural.
 Por último, o Cecop aprobou hoxe unha Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma. O seu obxectivo é establecer un protocolo interno -de acordo aos procedementos aprobados polas autoridades estatais- á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus dende a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección dos traballadores, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario