A quinta edición do traballo colaborativo da Deputación dá comezo coa presentación en liña de vinte proxectos empresariais
A presidenta da Deputación e o presidente da EOI e secretario xeral de Industria déronlles a benvida virtual ás persoas emprendedoras
As
persoas participantes recibiron un saúdo por videoconferencia da
presidenta da Deputación, e do presidente da Escola de
Organización Industrial (EOI) e secretario xeral de Industria do Goberno
de España
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Barro (Pontevedra)
A quinta edición do traballo colaborativo da Deputación de Pontevedra en Barro botou a andar, de forma telemática debido á situación derivada pola COVID-19, coa presentación dun total de 20 proxectos, 11 deles liderados por mulleres. No acto, as persoas participantes recibiron un saúdo por videoconferencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do presidente da Escola de Organización Industrial (EOI) e secretario xeral de Industria do Goberno de España, Raúl Blanco, que puxeron en valor este programa de emprendemento que lideran ambas as dúas administracións.
Na apertura, a presidenta provincial fixo un chamamento a manter a esperanza, "porque imos saír desta", e remarcou a necesidade "cada vez maior" de persoas emprendedoras. "Precisamos de xente que non renuncie aos seus soños, xente que se vai poder formar para logo facer que as súas ideas se convertan en proxectos que xerarán actividade económica e emprego". Carmela Silva enxalzou o traballo que se está a realizar para que "cando salgamos desta situación poidamos poñer en marcha moitos proxectos que permitan asegurar o noso futuro, porque nós somos unha provincia con xente dinámica, potente, creativa e chea de ideas". Está previsto que o traballo colaborativo se desenvolva de xeito telemático durante os meses de abril e maio e, se é posible, que se retome a modalidade presencial cando esta situación remate. "Hai moita xente traballando para saír desta que agora está na casa para que mañá iniciemos o futuro".
Pola súa banda, o presidente da EOI e secretario xeral de Industria do Goberno de España, Raúl Blanco, agradeceu a participación das persoas emprendedoras "que fan esta aposta con nós" e fixo fincapé na importancia da formación. "Se a formación sempre é importante, nestes momentos é esencial mantela porque temos que estar preparadas e preparados para a saída desta crise sanitaria".
Nesta edición, que ten como lema "Apostando por un futuro sostible en 2030", participan 20 proxectos elixidos entre as 28 propostas presentadas. Entre as iniciativas, de temática moi variada, hai algunhas centradas na gastronomía, na elaboración de distintos tipos de alimentos (repostería, panadería, produtos gourmet), nas novas tecnoloxías, na comunicación, no asesoramento xurídico, no deseño, na consultoría para pemes, na protección de mascotas, na fabricación de estruturas, no adestramento e entretemento persoal, na arte, no turismo ou en experiencias e rutas para promocionar a cultura e patrimonio galegos.
O programa de emprendemento comezou con dúas sesións de Team Building-Presentación do Equipo impartidas por Mario López Guerrero. Está e a primeira vez que o traballo colaborativo se desenvolve de xeito dixital para seguirlles facilitando ás persoas emprendedoras as ferramentas necesarias para non interromper a actividade. Realízase a través da plataforma Blackboard Collaborate da EOI, na que as persoas participantes poden seguir as formacións dos obradoiros desde calquera ordenador portátil ou de sobremesa, ou incluso desde un teléfono móbil. Ademais da plataforma habilitada, tamén poden usar Skype ou outras opcións de videochamada para facer titorías individuais.
A través do traballo colaborativo a Deputación pretende fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen, identificando as propostas con máis potencial de crecemento, buscando que os proxectos poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas. Así, hai sesións de formación en liña sobre Lean Startup, modelos de negocio, habilidades de emprendemento, finanzas, modelos de xestión, fórmulas legais, estratexias de comunicación, creatividade e innovación, plans de márketing dixital e plan comercial ou xestión das redes sociais.
Con este programa acompañarase as persoas emprendedoras no proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Axudarase a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelo en marcha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario