22 de abr. de 2020

PONTEVEDRA

A EFA alerta sobre a presenza do mildio nas viñas e recomenda aplicar tratamentos antes de que se produzan novas choivas  

O centro dependente da Deputación de Pontevedra suxire tamén incrementar a vixilancia sobre outras patoloxías da viña propiciadas pola humidade

      Manchas de mildiu
     Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, publicou un novo aviso fitosanitario na súa páxina web no que alerta sobre a presenza do mildio nas viñas, favorecido pola climatoloxía de tipo tormentoso e inestable dos últimos días, e no que recomenda a aplicación de tratamentos contra esta patoloxía.  

 Nas revisións efectuadas pola EFA constatouse a aparición das primeiras manchas nas parcelas de seguimento que aínda non manifestaran a enfermidade, e tamén naquelas onde xa se aplicara o primeiro tratamento e noutras de diferentes variedades, onde a situación era a mesma. A responsable dos avisos sanitarios, Rosa Pérez Otero, remarcou que en ningún caso se atoparon síntomas nos acios e as manchas eran moi recentes, coa frutificación apenas iniciándose, salvo nas zonas de avance a partir de manchas antigas. Ademais, persoal técnico e viticultor de case todas as comarcas informou a Estación desta mesma circunstancia. Por esta razón, e debido tamén a que as previsións meteorolóxicas seguen a anunciar tempo inestable a partir da fin de semana, a EFA recomenda aplicar un novo tratamento antes de que se produzan novas choivas, agás que xa se aplicara nestes días e que na revisión das viñas se poida comprobar que non aparecen novos síntomas nin hai zonas de avance nos antigos.  

 Pérez Otero engade que nas xornadas seguintes á aplicación é preciso revisar as viñas, especialmente se esta se realizou con algo de vento, se había humidade nas follas ou se choveu ao pouco de finalizala. En todos os casos, recoméndase extremar a vixilancia.  

 Doutra banda, o aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio das viñas. A EFA lembra que as condicións climatolóxicas destes días son relativamente favorables a este patóxeno pero, segundo a tendencia xeral dos últimos anos, é cedo para que aparezan os primeiros síntomas. Aínda así, aconséllase incrementar a vixilancia.  

 No caso do black rot, esta semana notouse un incremento na presenza de síntomas nas plantas da viña abandonada do Condado onde se detectara e tamén aumentou o número de parcelas con algunha pequena mancha. Por esta razón, a responsable dos avisos da EFA suxire manter a vixilancia e, nas viñas con historial desta enfermidade, elixir materias activas que teñan efecto tamén fronte a este patóxeno, pero dándolles prioridade a aquelas que teñan efecto curativo fronte ao mildio.  

 No que lle atinxe á botrite, non apareceron apenas síntomas desta enfermidade nas viñas revisadas, aínda que, coa previsión de choivas de cara á fin de semana, Areeiro recomenda incrementar novamente a vixilancia.  

 Doutra banda, a EFA destacou o incremento de caracois e babosas, que están a deixar algunhas follas moi afectadas. Nas plantas adultas estes animais non deberían causar problemas maiores, pero nas plantacións novas, se a presenza de danos é alarmante, as viticultoras e viticultores poden aplicar no solo algún produto autorizado en viñas con base de fosfato férrico ou metaldehido, as dúas únicas materias activas que aparecen no Rexistro de Productos Fitosanitarios do Ministerio para estas pragas.  

 Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado pola COVID-19 a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outros predios visitados e os datos aportados por persoal técnico e viticultor. As e os técnicos da Estación destacan que, aínda así, convén confirmar a situación particular de cada predio, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos. Mañá, día 23 de abril, a EFA ten previsto publicar un novo aviso relativo a outros cultivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario