15 de abr. de 2020

PATRIMONIO

O portal ‘AtoPO', creado pola Deputación de Pontevedra para coñecer en liña o patrimonio da provincia, cuatriplica o seu número de accesos durante o confinamento  

A deputada María Ortega subliña a facilidade de acceso e o grande potencial da web, que xa durante o primeiro trimestre do ano superou as 70.000 visitas


Infogauda / Pontevedra

 O portal ‘AtoPO' do Servizo de Patrimonio da Deputación de Pontevedra vén de cuadriplicar o seu número de accesos á web durante as semanas nas que a cidadanía estivo obrigada a permanecer en confinamento. Esta situación vén a incrementar o importante número de persoas usuarias, sesións de consultas e visitas -que xa durante o primeiro trimestre do ano situáronse por riba das 70.000- e amosar o potencial da web.  

 A deputada de Patrimonio, María Ortega, subliñou que AtoPO (atopo.depo.gal) naceu en decembro de 2019 como unha ferramenta deseñada para achegar á poboación a información dos fondos documentais definidos como públicos e de libre acceso que existen na provincia. Indicou que a web permite atopar un arquivo documental ou bibliográfico, cartográfico ou audiovisual (libros, revistas, periódicos, cartas, mapas, fotografías, debuxos, música…) do Museo de Pontevedra e do Servizo de Patrimonio da Deputación, así como doutros 128 concellos e institucións da provincia, dunha maneira moi sinxela e intuitiva. "A cidadanía coñecer preto de 750.000 referencias públicas do patrimonio cultural de toda a provincia ‘a golpe de click' as 24 horas do día nun marco sinxelo de divulgación, integración e investigación", indicou a nacionalista.  

 En canto aos datos de persoas usuarias, as cifras indican que foron máis de 2.000 diferentes no primeiro trimestre; con máis de 4.500 sesións de consulta, e un número de visitas por enriba das 70.000, cunha media de 18 páxinas por sesión. Segundo o persoal técnico do Servizo de Patrimonio, estes datos téñense aumentado exponencialmente, cáseque cuadriplicado nas últimas semanas de "realidade domiciliaria" e de "confinamento activo" nas que "este tipo de posibilidades como o Atopo, fai pouco tempo impensables, alcanzan o seu verdadeiro potencial".  

 O incremento de visitas coincide ademais co aumento progresivo de contidos. En decembro a web comezou con 500.000 rexistros e a día de hoxe superamos supéranse os 740.000 e cáseque 400.000 imaxes dixitalizadas; mellorouse a información bibliográfica coa aportación de novos fondos e da imaxe das tapas da maioría das publicacións; o número de fotografías pasou de 4.500 a máis de 11.000, sempre con novos contidos de interese e novas aportacións das institucións diarias que participan neste proxecto.  

 O material que se pode consultar no ‘AtoPO' divídese en seis áreas: Libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; periódicos e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro.  

 Tanto a deputada María Ortega como o persoal do servizo manifestan a súa satisfacción polo bo funcionamento da páxina, e subliñan que o obxectivo é que a cidadanía encontre cada vez menos atrancos nas barreiras espazo-temporais para a consulta, o coñecemento e a posta en valor dos recursos. "Confiamos en que as melloras progresivas, as que xa son visibles e as que están por vir de forma inminente, continúen a facilitar e dimensionar o acceso dos cidadáns á información, ao aproveitamento social e persoal e ao lecer", subliñan.  

 Hai que lembrar que como consecuencia das excepcionais circunstancias provocadas pola pandemia do Covid-19, o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico segue pechado ao público ata novo aviso.Todos aqueles préstamos da biblioteca que estivesen en vigor no momento do peche quedaron automáticamente prorrogados ata que se regularice novamente a actividade presencial.  

 As persoas usuarias deste servizo poden seguir solicitando información por vía telemática (biblioteca@depo.gal, arquivo@depo.gal) e acceder as 24 horas ao catálogo documental e bibliográfico AtoPO.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario