A Deputación de Pontevedra inxecta 320.000 € a concellos e entidades para financiar plans e iniciativas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero
As axudas distribúense en 220.000 euros dirixidos a 42 concellos e 100.000 a 21 entidades da provincia que traballan a prol da igualdade entre mulleres e homes
Pazo da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A igualdade é un dos eixos prioritarios do goberno da Deputación de Pontevedra, establecéndose como política transversal que vertebra a acción da institución provincial. Deste xeito, vén de inxectar 320.000 € á cobertura de plans e iniciativas de igualdade, así como programas de loita contra a violencia machista que impulsaron concellos e entidades da provincia. Máis polo miúdo 220.000 euros foron dirixidos a 42 concellos de menos de 20.000 habitantes e 100.000 euros a 21 entidades.
En canto aos concellos, a institución máis próxima á cidadanía, as axudas de 220.000 euros concedidas tiveron por obxectivo previr a violencia de xénero e fomentar a igualdade de oportunidades. Preténdese así colaborar cos municipios para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e equitativa con proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero, fillas e fillos ou persoas dependentes ao seu cargo; actuacións destinadas a mulleres vulnerables ou con dificultades; iniciativas para mellorar a formación e orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres; proxectos para elaborar plans municipais de igualdade ou difundilos; accións para crear redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; proxectos de prevención e sensibilización no eido educativo e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade.
Os concellos beneficiados por esta liña de axudas da Deputación foron Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Poio, O Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vilaboa e Vilanova de Arousa.
En canto ás entidades, as achegas concedidas ascenden a 100.000 € distribuídos entre 21 entidades de 10 concellos da provincia (Caldas, Cambados, Cangas, A Guarda, Mos, Pontevedra, Silleda, Vigo e Vilagarcía) que están a traballar para fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loitar contra a violencia de xénero. En liñas xerais, a través desta iniciativa estanse a impulsar proxectos de ámbito provincial centrados na sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; na atención integral a vítimas de violencias machistas; programas destinados a mulleres vulnerables ou con dificultades; iniciativas de fomento da igualdade; accións para mellorar a formación e orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres; iniciativas para crear redes e servizos de apoio e campañas de difusión e sensibilización da cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario