O Concello pon en marcha ‘#euquedonacasa’, unha plataforma en liña cunha morea de propostas para o tempo de confinamento
· Trátase dunha ferramenta interactiva na que calquera veciño ou veciña pode participar enviando propostas ou suxestións a través de correo electrónico
Infogauda / O Rosal
Un espazo con propostas sinxelas e divertidas para pasar o tempo de confinamento en familia, con xogos, experimentos, receitas, manualidades con vídeos explicativos, recuncho de lectura, recomendacións ou respostas a dúbidas importantes que xorden en plena crise sanitaria, como as relativas ao emprego. Así é ‘#euquedonacasa’, unha plataforma en liña posta en marcha polo Concello do Rosal para achegar a todas as veciñas e veciños actividades pensadas para o lecer en familia, propostas municipais en tempo de corentena artelladas nunha ferramenta interactiva e dinámica á que todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal. “Impulsamos este programa para contribuír a afrontar este confinamento dun xeito positivo, combinando unha serie de actividades que se poden realizar a través da páxina web do concello”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.
Sinxelos e sorprendentes experimentos con elementos que todas as familias teñen na casa feitos paso a paso, vídeos para facer divertidas manualidades coas que decorar ou xogar na casa ou ricas e saudables receitas de cociña para estes tempos nos que se cociña máis, son algunhas das propostas que se achegan a través desta plataforma, que irá incorporando novo contido de xeito paulatino.
A través de #euquedonacasa tamén se artellarán diferentes xogos nas redes sociais do Concello do Rosal, como o xogo de fotografía ‘Desde a miña ventá’, que aglutinará nesta páxina todas as fotos enviadas pola veciñanza e dará resposta ao maior misterio de todos: en que zona ou barrio están feitas. Unha proposta que xa está a ter moita repercusión, xa que son moitas as fotografías que veciños e veciñas están enviando para participar.
A plataforma tamén contará cun recuncho de lectura no que se poderán desfrutar dos ‘Contos contados’ de KalandrakaTv, unha iniciativa posta en marcha por esta editorial para amenizar a corentena durante o estado de alarma e levar o amor pola literatura a todos os fogares a través de vídeos coa narración de contos tradicionais, relatos de creación ou versos na voz das súas autoras ou autores ou recreadas por narradores. Neste apartado tamén se poderá acceder a GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.
Entre os contidos que se colgarán no #euquedonacasa estarán tamén as recomendacións feitas pola psicóloga rosaleira Andrea Iglesias para levar do mellor xeito este tempo de confinamento, consellos xerais ou destinados a familias coas que xestionar o malestar psicolóxico que pode xurdir tras unha corentena tan longa. Tamén recollerá recomendacións sobre reciclaxe e a xestión de residuos no día a día ou unha serie de guías de emprego vinculadas a organismos oficiais coas que resolver posibles dúbidas e problemas xurdidas durante o estado de alarma.
Dende o Concello do Rosal quérese “agradecer o traballo feito por todas as persoas que achegaron as súas ideas, a súa experiencia, a súa creatividade e, como non, o seu tempo para que esta plataforma sexa unha realidade. Esperamos que se convirta nunha ferramenta á que ás familias recorran para facer estes días de confinamento moito máis levadíos”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario