MODIFICADOS OITO PUNTOS DE RECOLLIDA DE LIXO PARA REDUCIR FOCOS DE INFECCIÓN DURANTE O ESTADO DE ALARMA
Todos os colectores retirados estes días eran puntos conflitivos nos que non se facía unha correcta xestión do lixo e que contan con illas de reciclaxe a menos de 200 metros
Informa: Concello do Rosal
Ao longo dos últimos días, o Concello do Rosal modificou oito puntos concretos de recollida de lixo para reducir posibles focos de infección e facilitar a desinfección dos colectores durante a crise sanitaria por mor do COVID-19, minimizando así os riscos non soamente para o persoal encargado da recollida do lixo, senón tamén para toda a veciñanza. Os colectores retirados na última semana adoitaban ser puntos conflitivos nos que non se estaba realizando unha correcta xestión dos residuos, senón que se estaban convertendo en pequenos puntos limpos que poñían en risco a salubridade para todas as rosaleiras e rosaleiros na actual situación que se está a vivir agora mesmo. Ademais, todos estes puntos modificados contan con illas de reciclaxe próximas a menos de 200 metros.
Lémbrase a todos os veciños e veciñas que durante esta crise sanitaria é de vital importancia extremar as medidas de precaución para evitar contaxios. Por este motivo, durante o estado de alarma debe facerse un esforzo extra por reciclar e separar todas as fraccións posibles, botando envases ao colector amarelo, papel e cartón ao azul, vidro ao iglú verde, orgánica ao composteiro, roupa aos colectores destinados para ela e aceite de cociña nos contedores de aceite. Tamén debe minimizarse a fracción resto a botar no colector verde.
Recoméndase a toda a veciñanza ademais esmagar ben os envases destinados ao colector amarelo antes de metelos na bolsa do lixo para que ocupen menos, xa que os residuos destinados a este contedor soen avultar moito, o que provoca que sexa habitual atopar estes colectores desbordados.
Recordamos ademais que non está permitido abandonar voluminosos na rúa nin depositalos en ningún dos colectores dispoñibles no municipio. En caso de ter elementos voluminosos deben gardarse na casa ata que a situación volva á normalidade, volva a reabrirse o punto limpo e poidan ser xestionados de forma correcta.
Nuns intres tan complicados para todas e todos é importante pensar no risco que corren os traballadores e traballadoras municipais que están a realizar unha labor esencial para manter o servizo de recollida. O uso inadecuado deste servizo expón a un risco innecesario a toda a veciñanza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario