A UNIDADE MÓBIL DE DOAZÓNS DE SANGUE ESTARÁ NO ROSAL O VINDEIRO XOVES 7 DE MAIO
Instalarase na Praza do Calvario e atenderá de 10 a 14 e de 16 a 21 horas. As persoas que desexen doar poden pedir cita previa no 900 100 828
Infogauda / O Rosal
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia visitará O Rosal o vindeiro xoves 7 de maio. O autobús estará situado na Praza do Calvario e permanecerá aberto ao público de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.
Nunha situación excepcional como a que se está a vivir neste momento de crise sanitaria, o Centro de Transfusión extrema os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, entre as novas medidas, pídese a todas as persoas que desexen doar sangue que pidan cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828 para garantir a afluencia axeitada e ordenada dos/as doantes.
En cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.
Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.
Ningún comentario:
Publicar un comentario