24 de abr. de 2020

O ROSAL

Chega #eudebuxonacasa, un xogo dirixido a nenas e nenos para estes días de confinamento  

Aberto a toda a poboación infantil do Concello. Os e as participantes terán que enviar un debuxo sobre o que están a facer na casa durante a corentena  




Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa a propoñer novas iniciativas para facer o tempo de confinamento na casa máis levadío para toda a familia. Este venres 24 ponse en marcha un novo xogo, nesta ocasión dirixido máis especificamente a toda a poboación infantil do municipio. Trátase de #eudebuxonacasa, un xogo de debuxo pensado para que nenos e nenas recollan nas súas ilustracións como é o seu día a día durante este tempo de corentena en casa, as actividades que fan, como pasan o tempo... e todo o que se lles ocorra. 

 Novamente non se trata dun concurso, senón dun xogo aberto co que se busca facilitar un recuncho para que todos os nenos e nenas se expresen a través do debuxo. Todos os pequenos e pequenas que queiran participar poderán remitir o seu debuxo por correo electrónico a euquedonacasa@concellodorosal.gal, indicando no asunto ‘Eu debuxo na casa’ e incluíndo como datos o nome, apelidos e idade do autor ou autora da imaxe.  

 Os debuxos recibidos irán publicándose nas redes sociais do Concello (Facebook e Twitter), así como na súa páxina web. A participación no xogo supón a aceptación das bases do mesmo, así como o permiso ao Concello para publicar o debuxo co nome e idade do autor ou autora en web e redes, así como para arquivalo na súa base de datos. 

 Tod@s a debuxar!

Ningún comentario:

Publicar un comentario