A XUNTA DE GALICIA REPARTE UN TOTAL DE 199 ORDENADORES ENTRE AS FAMILIAS CON MENOS RECURSOS DA COMARCA DO BAIXO MIÑO
· Ademais dos portátiles con conectividade que enviou a Amtega a cada centro, tamén se distribuíron tabletas e portátiles que estaban dispoñibles nos centros educativos
· En total, na provincia prestáronse polo momento 5.225 ordenadores
Infogauda / O Baixo Miño
A Xunta de Galicia, en colaboración cos centros educativos dos concellos da comarca do Baixo Miño, entregou desde a suspensión da actividade educativa presencial un total de 199 ordenadores ao alumnado de familias con menos recursos. En total, na provincia prestáronse 5.225 ordenadores.
Trátase da suma dos ordenadores con conectividade que xa lle enviou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a cada centro da área, xunto cos equipos que tiñan tanto os propios centros educativos como os Centros de Formación e Recursos do Profesorado e que se puxeron a disposición das familias que o precisasen.
As familias reciben os equipos como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure a suspensión das clases presenciais. Cómpre ter en conta, ademais que os alumnos que participan no porgrama E-Dixgal dispoñen tamén neste curso de portátiles cedidos pola Xunta de Galicia.
Reforzo dos recursos en liña
A dotación deste equipamento forma parte do paquete de medidas que puxo en marcha a Xunta para facilitar o seguimento en liña da actividade educativa. Entre as últimas actuacións está a posta a disposición dos docentes dunha plataforma de videoconferencia que permitiu na primeira quincena activa máis de 52.000 reunións virtuais, nas que participaron 170.000 docentes e alumnos.
Para facilitar o acceso a todos os servizos dixitais educativos dispoñibles para toda a comunidade educativa, habilitouse un espazo tanto no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais) como na canle do espazoAbalar en Youtube (https://www.youtube.com/espazoAbalar), nos que se indica como acceder a eles, manuais de uso, e videotitoriais dos servizos e funcionalidades máis demandadas das aulas virtuais, o sistema de videoconferencia, e da plataforma de comunicación coas familias.
Acordo coa Fegamp
Ademais, a Xunta de Galicia, -a través da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)-, a FEGAMP e os concellos de Galicia que o consideren, establecerán unha liña de colaboración para a mellora da conectividade e a dotación de recursos tecnolóxicos ao alumnado do ensino non universitario. O obxectivo deste principio de acordo que publica o Diario Oficial de Galicia -á proposta do departamento de Educación do Goberno galego no marco da última reunión da CECOP- é aproveitar as sinerxías, evitar solapamentos entre administracións e acadar a máxima cobertura do servizo no ámbito da atención educativa.
No acordo establécese que, por razóns de competencia, o Goberno galego atenderá con prioridade ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP, de acordo cos criterios de promoción e titulación. Pola súa banda, os concellos interesados voluntariamente en colaborar no préstamo e reparto de equipamento e conectividade de propiedade municipal daralle prioridade ao alumnado das etapas de Infantil e Primaria, de acordo coa Lei Orgánica de Educación e da normativa en materia de Réxime Local.
A maiores, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Amtega traballarán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nun protocolo para a creación dunha base de datos de equipamentos única con destino ao alumando non universitario, que identifique os beneficiarios e evite eventuais solapamentos nas entregas do material. Trátase tamén de actuar baixo o principio de subsidiariedade administrativa de xeito que os equipamentos locais se circunscriban principalmente a atender as demandas nas etapas de Infantil e Primaria, mentres que a Xunta de Galicia lle da prioridade a ESO, Bacharelato e FP.
Finalmente, no que atinxe á recollida ou distribución de material non informático, estableceuse que os centros educativos poderán solicitar, se fose preciso, a colaboración dos servizos de Protección Civil ou da Policía Local, para efectuar ditas entregas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario