A Xunta de Galicia ofrecerá atención á poboación para atender ás consecuencias psicolóxicas derivadas da emerxencia sanitaria polo coronavirus
O presidente do Goberno galego destaca que estará dispoñible as 24 horas a través do teléfono de emerxencias 112
Subliña que a adquisición de novo material sanitario por valor de máis de 5 M€
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa do Consello celebrado hoxe
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Administración autonómica ofrecerá atención á poboación para atender ás consecuencias psicolóxicas da emerxencia sanitaria creada polo coronavirus.
“Trátase dun servizo que se
prestará a través do teléfono das emerxencias 112”, dixo, e será posible
grazas á colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Ademais subliñou que este servizo funcionará as 24 horas do día e estará
dispoñible desde a vindeira semana e ata que sexa necesario,
inicialmente mentres dure o estado de alarma.
O titular da Xunta
incidiu en que o obxectivo será o de axudar a paliar as consecuencias
psicolóxicas que se poidan derivar das restricións do estado de alarma.
Non en van, a situación de confinamento implica consecuencias como a
alteración de rutinas, interrupción das redes de apoio, afectación
laboral ou a necesidade de coidado de persoas dependentes de forma máis
intensa; ademais da soidade, especialmente, entre as persoas da terceira
idade.
Feijóo referiuse tamén a outros aspectos que aumentan a
vulnerabilidade como o medo ao contaxio da enfermidade e a alteración do
proceso de dó para as persoas que, lamentablemente, perderon algún ser
querido nestes días.
Máis de 5 millóns para a adquisición de novo material sanitario
Por
outra banda, o titular da Xunta destacou unha nova contratación de
diversos materiais de protección destinados a profesionais e doentes,
así como de tests de anticorpos para a detección do coronavirus. Toda
esta adquisición contará cun orzamentos de 5,1 millóns de euros.
Logo
de recordar que nas últimas semanas se mercou material por valor de 17
millóns de euros, Feijóo precisou que con esta nova compra o Goberno
galego adquire: 20.000 unidades de tests, 4 millóns de máscaras
cirúrxicas, case 152.000 máscaras respiratorias, 524.480 batas de alta
protección/impermeables, preto de 70.000 lentes de protección ocular,
80.100 pantallas de protección facial, 100.000 unidades de mandís
plastificados, ademais de buzos de protección e tecido impermeable,
transpirable e lavable.
Tamén se inclúe a adquisición duns 45.000
litros de solucións desinfectantes de mans, 120.000 litros de solución
desinfectante de superficies, así como envases e tubos dispensadores
para a elaboración destes produtos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario