A Xunta de Galicia mantén os labores de restauración, limpeza e conservación nos parques naturais e nas Illas Atlánticas
O obxectivo destes traballos, que nalgúns casos comezaron a primeira semana de marzo, é preservar os hábitats de interese que caracteriza estes espazos naturais e previr incendios forestais
Coincidindo coa declaración do estado de alarma, Seaga detivo temporalmente as súas actuacións para adaptar o sistema de transporte ás medidas de seguridade esixidas polo coronavirus
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda manterá a execución das tarefas de restauración,
conservación e adecuación de hábitats de interese nos seis parques
naturais existentes na comunidade, así como no Parque Nacional
marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O obxectivo destes
traballos, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
(FEDER) nun 80%, pasa por preservar a biodiversidade e os valores
naturais que caracterizan estes espazos e previr a posible propagación
de incendios forestais.
Neste sentido, a Xunta decidiu continuar
coa execución sobre o terreo destes traballos, que no caso dos parques
naturais prolongaranse ata o vindeiro mes de novembro. Concretamente, no
Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e no de Baixa
Limia-Serra do Xurés as tarefas de limpeza e acondicionamento empezaron
xa o 3 de marzo, antes da declaración do estado de alarma por mor do
Covid-19.
Neste caso concreto, a empresa pública Seaga, que ten
encomendado o servizo, parou temporalmente os labores sobre o terreo co
fin de adaptar o sistema do transporte ás medidas de seguridade esixidas
polo coronavirus, retomando a actividade días despois. Nos outros catro
parques naturais de Galicia -Monte Aloia, O Invernadeiro, Serra da
Enciña da Lastra e Fragas do Eume- os operarios empezaron a traballar a
primeiros de abril.
Os labores a realizar abranguen
fundamentalmente o acondicionamento dos hábitats con moto-rozadoras
naquelas áreas onde non é posible o emprego de maquinaria, e o
acondicionamento mecanizado con tractor en superficies con diferentes
pendentes e tamén en marxes de camiños.
Ademais, a encomenda
inclúe a realización doutras tarefas como: limpeza de cunetas con
retro-escavadora ou moto-niveladora, co fin de evitar danos nos habitas
por desbordamento; acondicionamento da rede de drenaxe existente;
recollida, clasificación e acopio de residuos, así como limpeza manual
en praias; apertura manual de faixas cortalumes; podas e clareos en
masas arbóreas existentes para manter a luminosidade dos hábitats en
cobertura; ou eiminación de especies alóctonas, co fin de restaurar
hábitats degradados.
Cómpre subliñar a importancia deste tipo de
traballos para garantir o bo estado de conservación de zonas cun alto
valorar ecolóxico así como para manter despexadas as rutas polas que se
necesitan desprazar as brigadas de incendios, en caso de que se declare
algún lume forestal, como ocorreu a semana pasada. xa que a semana
pasada declarouse un, sen excesivas consecuencias
Actuacións no Parque Nacional
En
canto ás actuacións programadas no Parque Nacional, nas Cíes,
concretamente nas illas de Monteagudo e Faro, desenvolveranse entre o 9
de marzo e o 17 de abril actuacións silvícolas de prevención contra
incendios e protección do medio ambiente como cortas de vexetación de
especies invasoras consideradas de maior risco; retirada e transporte de
vexetación, restos de podas e trozas de madeira; retirada e transporte
de exemplares en mal estado de conservación, especialmente eucaliptos;
podas de altura de copa, en exemplares con risco de caída; desbroce
manual de matogueira de faixas de seguridade nos perímetros de
construccións, vivendas, camiños, etc; e desbroce mecánico de alóctonas
invasoras de porte medio na liña dos traballos realizados en 2019.
De
igual xeito, no arquipélago de Ons tamén se están a realizar desde o
pasado 9 de marzo este mesmo tipo de actuacións silvícolas de prevención
contra os incendios forestais e de protección do medio ambiente. Neste
caso concreto, os labores continuarán ata o próximo 30 de abril.
Cómpre
lembrar que todas estas tarefas débense executar neste período do ano
por coincidir coa fase previa á nidificación das aves mariñas, sendo o
Parque Nacional un dos enclaves naturais imprescindibles para este
proceso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario