A conselleira do Mar e o titular de Sanidade veñen de
remitir un escrito ao Ministerio de Sanidade con propostas para
mellorar a xestión da crise sanitaria no eido marítimo
Galicia
demanda ao Estado un protocolo de actuación específico para os casos de
posibles enfermos por coronavirus a bordo dos buques
Rosa
Quintana e Jesús Vázquez Almuiña solicitan nunha carta ao ministro de
Sanidade que o Goberno defina as competencias e funcións de cada un dos
departamentos implicados neste tipo de casos para lograr unha maior
eficiencia e eficacia no uso dos medios dispoñibles e na atención ás
tripulacións
A Xunta lamenta que non hai pautas de actuación ben definidas e insta a fixar as instrucións de comportamento tanto durante a estancia do buque no mar como no traslado dos tripulantes a terra ou nos períodos previos ao embarque
O Executivo galego pide que o Instituto Social da Mariña incorpore un protocolo de diagnóstico do COVID-19 aos recoñecementos médicos e estudos epidemiolóxicos que realiza habitualmente aos mariñeiros antes de enrolarse
Infogauda / Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade,
Jesús Vázquez Almuiña, enviaron onte unha carta ao ministro de Sanidade,
Salvador Illa, na que lle trasladan a necesidade de que o Estado
estableza un protocolo de actuación específico para os casos de posibles
enfermos por coronavirus a bordo dos buques. Ese protocolo, explican os
representantes da Xunta de Galicia, debería definir claramente as
competencias e funcións de cada departamento implicado na xestión destes
casos co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia e eficacia tanto
no uso dos medios dispoñibles como na atención ás tripulacións.
Os
dous conselleiros explican na misiva que esta petición xorde unha vez
comprobado que a notificación e a xestión dos tres casos de buques que
chegaron aos portos galegos con tripulantes sospeitosos de estar
contaxiados por COVID-19 foi diferente en cada un deles. Esa situación,
aclaran, débese á inexistencia dun protocolo claro e efectivo de
actuación para dispoñer os medios oportunos para a atención dos
tripulantes á súa chegada a porto.
Neste sentido, o Executivo
galego lembra que as disfuncións nas comunicacións e procedementos de
xestión destes casos podería derivar nunha atención ineficiente ou no
menoscabo na utilización de medios en caso de esperas nos peiraos por
dilacións ou adiantos nas comunicacións de chegada aos portos das
embarcacións afectadas.
Por iso, tanto Rosa Quintana como Jesús
Vázquez Almuiña trasladan a Salvador Illa a vontade da Administración
galega de colaborar co Instituto Social da Mariña (ISM), que é o
competente na materia, para axilizar calquera trámite neste sentido e
poder contar cun protocolo o antes posible dado que así o solicita o
propio sector afectado, con milleiros de profesionais que desenvolven o
seu labor a bordo de buques pesqueiros.
No seu escrito os
titulares de Mar e Sanidade da Xunta expoñen a necesidade de definir o
protocolo de actuación en distintos ámbitos co obxectivo de que a frota e
as propias administracións poidan ter claras as pautas de comportamento
durante a estancia do buque no mar, no momento do traslado a terra dos
tripulantes e nos períodos previos ao embarque.
Actuación en distintos eidos
No
primeiro dos casos, na atención en alta mar, o Executivo galego lembra a
importancia do labor do ISM na asistencia sanitaria dos traballadores
do mar a bordo e no estranxeiro e solicita que se reforce a comunicación
a través do Centro Radio-Médico para canalizar e atender de xeito
eficaz os posibles casos de coronavirus. Ao mesmo tempo, pide que se
aclare o papel das mutuas, dado que os contaxios de orixe laboral e as
correspondentes corentenas teñen a consideración de accidente de
traballo.
En canto ao traslado a terra dos tripulantes, as
Consellerías do Mar e de Sanidade póñense a disposición do Estado para
colaborar no envío da información de tripulantes afectados, a hora e
lugar de chegada a porto, a disposición de medios de atención e as
instrucións de actuación aos seus posibles contactos tanto a bordo como
en terra de acordo coa área sanitaria correspondente ou os hospitais de
referencia así como dos medios dispoñibles.
No referente aos
momentos previos ao embarque, e de forma clave, a Xunta solicita que o
Instituto Social da Mariña incorpore un protocolo de diagnóstico do
COVID-19 aos recoñecementos médicos e aos estudos epidemiolóxicos que
realiza habitualmente aos tripulantes antes do seu embarque. Neste
sentido, o Goberno autonómico lembra que hai factores que reforzan esta
posibilidade como o feito de que o ISM conta con cobertura por todo o
litoral español, o que permitiría facer as probas nos portos nos que
estean as embarcacións, sen que teñan que volver á comunidade na que
teñen a súa base.
A ese factor súmanse tamén que o ISM dispón do
rexistro das tripulacións de xeito previo ao seu embarque, o que
facilitaría a programación e a organización das probas por buques nas
súas escalas en porto, e ten acceso aos antecedentes e historias médicas
de cada profesional do mar, o que permitiría identificar factores de
risco nas persoas afectadas.
O Executivo galego remarca ademais
que a realización destas probas polo ISM permitiría homoxeneizar un
procedemento non definido ata o de agora e que levou a que organizacións
do sector e incluso outros departamentos ministeriais demandasen a
realización de probas do coronavirus ás tripulacións galegas antes do
inicio das mareas ou de campañas de investigación. Ao mesmo tempo,
outras organizacións de armadores solicitaron permiso para a compra e
realización de tests pola súa conta, algo que, non obstante, non está
permitido co actual marco normativo polo estado de alarma.
A
realización de probas, entende o Executivo galego, podería incardinarse
no propio labor do ISM e desenvolverse tamén de xeito privado polos
armadores, unhas medidas que darían resposta ás comunicacións feitas
pola Comisión Europea neste sentido, nas que manifesta a necesidade de
facer controis antes do embarque ou de realizar un seguimento dos
síntomas dos tripulantes en caso de que sexa imposible acceder a tests
de diagnóstico.
Por último, Rosa Quintana e Jesús Vázquez Almuiña
móstranlle a Salvador Illa a súa disposición a colaborar na revisión da
aplicación dos protocolos e solicítanlle a incorporación da información
dos traballadores do mar positivos ás bases de datos correspondentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario