A Xunta de Galicia agradece a suma do Ministerio ás teses mantidas desde Galicia sobre o dereito do sector pesqueiro a acollerse a regulacións temporais de emprego ante a crise do coronavirus
Esta posibilidade está prevista no real decreto-lei aprobado polo Estado de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 e a Consellería do Mar emitiu hai unha semana unha interpretación favorable ao respecto
Rosa Quintana destacou o importante labor que realiza a frota galega para seguir subministrando alimento á sociedade e a necesidade de compromiso das administracións para axudala e garantir o desenvolvemento futuro da actividade
O
labor da frota pesqueira galega é fundamental para garantir o
subministro de alimentos de calidade á cidadanía
Foto: Infogauda
Foto: Infogauda
Infogauda / Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana,
agradeceu hoxe a aclaración realizada polo Ministerio de Agricultura,
Pesca e Alimentación sobre o dereito da frota pesqueira de acollerse a
expedientes de regulación temporais de emprego (ERTE) naqueles casos nos
que voluntariamente os armadores decidan non saír ao mar tendo en conta
as súas circunstancias. Casos como pode ser a imposibilidade de
cumprimento das medidas que garantan a saúde dos tripulantes, o peche
das canles comerciais ou as dificultades de atopar tripulación e se
acrediten debidamente ante a autoridade laboral competente.
A
titular de Mar fixo esta valoración en relación ás aclaracións
realizadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre
esta opción e publicadas hoxe nun medio de comunicación. Neste sentido,
Rosa Quintana sinalou que a Xunta vén defendendo e argumentando “desde
hai máis dunha semana” a interpretación desta posibilidade prevista no
artigo 22 do real decreto-lei aprobado polo Estado de medidas urxentes
extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do
COVID-19 e así o vén amosando no contacto permanente que mantén coa
frota pesqueira galega.
Ao mesmo tempo, a conselleira fixo fincapé
no valor do labor que realiza o sector “posto que está intentando
seguir subministrando alimento á sociedade”. Nesta liña destacou “a
importancia do compromiso de axuda das administracións relacionadas co
sector co obxectivo de garantir o desenvolvemento futuro da actividade”.
Neste
sentido, a Xunta tamén demanda ao Estado e á UE medidas de compensación
para o complexo mar-industria ao tempo que traballa para dotar ao
sector das ferramentas necesarias para poder acceder ás medidas xa
habilitadas para mitigar esta crise. Todo isto tendo en conta que o
labor da frota pesqueira galega é fundamental para garantir o
subministro de alimentos de calidade á cidadanía, polo que debe manterse
toda a actividade que poida desenvolverse con garantías nestes
momentos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario