A Xunta de Galicia crea 'Mercaproximidade', unha canle alternativa de comercialización para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da emerxencia sanitaria
O DOG publica hoxe a orde que regula a iniciativa, á que poderán adherirse os produtores de froitas, hortalizas ou mel, os gandeiros de vacún, porcino, ovino ou caprino, así como as industrias transformadoras
A súa adhesión farase preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas
Poderán colaborar mercando estes produtos as grandes cadeas de distribución –as que xa o fixeron e aquelas que o desexen facer-, as empresas dedicadas á subministración de colectividades ou as plataformas de venda online
Para promocionar “Mercaproximidade”, a Xunta lanzará unha campaña dirixida aos consumidores, para conciencialos da importancia de apoiar o agro galego
Infogauda / Galicia
O Diario Oficial de Galicia
(DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que crea a rede
“Mercaproximidade”, unha canle alternativa de comercialización creada
pola Xunta e concibida para os produtos agrogandeiros galegos que viron
reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e os mercados
municipais durante a emerxencia sanitaria. A orde vén culminar as
xuntanzas por videoconferencia que mantivo nos últimos días o
conselleiro do Medio Rural, José González, tanto coas organizacións
profesionais agrarias galegas con representación no Consello Agrario
como coas grandes cadeas de distribución que operan en Galicia e que xa
se sumaron á iniciativa. Ademais, a iniciativa segue aberta a aquelas
cadeas que desexen sumarse a ela.
Así, a orde ten por obxectivo
dar saída comercial aos produtos galegos de proximidade que, tras a
declaración do estado do alarma, xa non se poden comprar nos mercados
locais nin consumir nos negocios de hostalaría e restauración. Coa rede
“Mercaproximidade” non só se permitirá ao consumidor acceder facilmente a
estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen
abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.
Deste
xeito, poderán acollerse á iniciativa en calidade de provedores os
produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos
apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino,
entre outros. Han de estar inscritos, iso si, no Rexistro de
explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non
transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). A
maiores, poderán incorporarse á rede as industrias de transformación de
produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.
A adhesión a “Mercaproximidade” dos provedores levarase a cabo
preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das
asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións
de orixe e indicacións xeográficas protexidas, previo mandato ao seu
favor outorgado polo produtor.
Requisitos de adhesión
Para
incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación
terán que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal
indicando os seus datos básicos e tipo de produción. A maiores, deberán
achegar unha declaración responsable na que conste que un mínimo do 50 %
dos seus ingresos proceden da hostalaría e os mercados municipais,
pechados na actualidade.
No caso de que a adhesión se leve a cabo a
través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello
regulador, deberase aportar ademais a relación de produtores
representados. En todo caso, os provedores poderán modificar, en
calquera momento, o sistema de adhesión escollido.
Os produtores
que queiran participar en “Mercaproximidade” estarán obrigados a cumprir
toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais
protocolos que resulten esixibles segundo o seu tipo de produción.
Igualmente, as persoas produtoras que se adhiran á rede deberán cumprir
as condicións e requisitos fixados polos establecementos que
comercialicen as súas producións.
A orde recolle que a Consellería
do Medio Rural promoverá esta canle alternativa de comercialización
entre as grandes cadeas de distribución, coas que xa se reuniu o
conselleiro José González o pasado sábado para concretar a súa
participación e con todas aquelas que desexen sumarse á iniciativa. A
maiores, búscase a colaboración das empresas dedicadas á subministración
de colectividades ou das plataformas online de venda de produtos
agroalimentarios para instalas a mercar e poñer no mercado estas
producións de proximidade.
Campaña de sensibilización
Paralelamente,
a Consellería lanzará unha campaña dirixida aos consumidores finais,
non só para conciencialos da calidade destes produtos, senón tamén para
facerlles ver que coa súa compra poden contribuír á viabilidade do
sector agrogandeiro galego. Nesa liña, os produtos de “Mercaproximidade”
estarán perfectamente identificados, para que os consumidores saiban da
súa orixe, así como do seu vínculo coa iniciativa.
Para que a
sociedade teña coñecemento das empresas que accederon a dar saída a
estas producións, a relación de entidades colaboradoras manterase
debidamente actualizada tanto na campaña de comunicación como na páxina
web da Consellería do Medio Rural.
De xeito excepcional, a orde
tamén contempla que a Consellería poderá comprar directamente os
produtos adheridos á rede para a súa cesión a comedores sociais, centros
sanitarios ou residencias no contexto de loita contra o coronavirus.
A
rede “Mercaproximidade” ten como finalidade última frear a perda de
ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o
futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor
principal da dinamización do rural.
A orde entra en vigor mañá, día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario